Xosé Manuel Beiras, protagonista do Sermos Galiza deste sábado

Aliás, repasamos os 25 anos de vida da Secretaría Xeral de Acción Exterior.
Beiras conversa con Nós Diario co gaio da publicación da súa última obra. (Fotos: Nós Diario)
photo_camera Beiras conversa con Nós Diario co gaio da publicación da súa última obra. (Fotos: Nós Diario)

X. Manuel Beiras, sen cancelas. Co gallo da publicación de Retratos en fite (Laiovento), Xosé Manuel Beiras conversa con Nós Diario para unha nova edición do semanario Sermos Galiza, que estará dispoñíbel nos quiosques desde este sábado.

A directora de Nós Diario, María Obelleiro, entrevista unha das grandes figuras da segunda metade do século XX e de comezos do século XXI na Galiza. Intelectual e teórico do nacionalismo galego, cunha ampla traxectoria política e no eido da docencia na Universidade de Santiago de Compostela (USC), Beiras analiza nesta entrevista a actualidade sociopolítica e económica do país.

A publicación desta última obra, que coincide cos cincuenta anos da primeira edición d'O atraso económico da Galiza, serve para Beiras defenda novamente a tese de que Galiza é unha colonia e que "estamos peor que hai 40 anos".

Acción exterior da Galiza

O Sermos desta semana abre coa reportaxe A acción exterior galega. 25 anos desde a creación da Secretaría Xeral, na que o xornalista Ricardo Suárez analiza os resultados do informe anual  sobre a acción exterior da Galiza, elaborado polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi).

Co punto de partida en 1997, ano de creación da Secretaría Xeral da Acción Exterior da Xunta da Galiza, a reportaxe fai un repaso polos 25 anos de historia da institución que regula a política pública de acción exterior do noso país.

Transexualidade e ontoloxía

Por outra parte, Inmaculada Otero asina a reportaxe Transexualidade e ontoloxía, que afonda en cuestións abertas pola aprobación da Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI.

"Moita xente contraria a esta lei defende que o sexo biolóxico é o 'real', mentres que o que se ten chamado 'sexo sentido' non deixa de ser unha construción que consecuentemente estaría situada nunha órbita externa á realidad", explica a autora.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Olga Brañas, que trae as últimas novidades, a comezar por Reviravoltas, do Cuarteto Caramuxo, mentres Fernando Montenegro asina o artigo titulado 'A guitarra como protagonista'.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, entre eles Men, de Alex Garland, e Pepe Barro ofrece na sección de Deseño a peza 'No Saviñao loce o sol celta'.

Noutra orde, Mario Regueira debulla o libro Edéncias, de Andrea F. Maneiro mentres Manuel Barreiro fala de 2 Viaxes, de Xaquín Marín e Raimundo Patiño. Aliás, o colectivo Xea trasládanos novamente aos cumes do Faro de Avión.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario; 64 páxinas por tres euros!

Comentarios