mércores 14/04/21
Entrevista

Xosé López: "A historia da comunicación e do xornalismo na Galiza é rica, plural e diversa"

Co gallo da próxima publicación, a partir do 2 de marzo, en 'Nós Diario' dun novo coleccionábel arredor das cabeceiras históricas da prensa en galego, o catedrático de xornalismo Xosé López comenta eses pasos inaugurais, máis prolíficos do que poidamos pensar, e reflexiona sobre a propia investigación deste fenómeno.
Retrato de Xosé López. (Foto: Arxina)
Retrato de Xosé López. (Foto: Arxina)

Como se introduce o galego na prensa escrita?

Hai toda unha serie de antecedentes antes de que entre formalmente na comunicación mediada tecnoloxicamente, propiamente nas publicacións periódicas e nos diarios. Hai outras publicacións de carácter irregular onde se empregaba o galego, quer unicamente quer co castelán. A recuperación do galego na escrita e a súa chegada aos medios de comunicación está moi vencellada a iniciativas, como acontece case sempre, oportunas nun determinado contexto social, político e económico. E audaces, dalgunha maneira.

Cales son as cabeceiras máis destacadas que abriron camiño?

Temos que falar sempre da primeira, O tío Marcos da Portela. É moi importante ver o papel que representou a súa chegada nese momento. Ademais, habería que citar todas as que foron aparecendo. Hai publicacións como A nosa terra, que inicialmente non xurdiu en galego, pero axiña se pasou e tivo moita relevancia no seu momento. A revista Nós, a nova etapa de A nosa terra, logo xa na transición Teima... Son bastantes. É certo que ás veces de curta duración, algunhas convertéronse en máis emblemáticas polo seu papel, pola relevancia das persoas que participaron nelas, e canalizaron aí os seus traballos, pero desde o meu modesto punto de vista todas foron transcendentais. Mesmo algunhas cabeceiras moi pequenas. Porque era a forma de mostrar que o galego podía estar presente tamén nos medios de comunicación, é dicir, podía entrar nunha normalidade que neste eido tardou en chegar, igual que noutros, e que para a comunicación e o xornalismo foi moi importante. Todo isto está moi influído, como dixen antes, sempre polo contexto social, político e económico.

Cre que esta entrada da nosa lingua na prensa está abondo estudada e é coñecida polo conxunto da sociedade galega?

Eu non son o máis indicado para valoralo, pero considero que está pouco estudado. Non só iso, senón en xeral a historia da comunicación e do xornalismo na Galiza, que é rica, plural e diversa, vendo as manifestacións ao longo da historia. Temos moitas destas cabeceiras pouco investigadas por moi distintos motivos, ás veces estano máis desde un punto de vista filolóxico, mentres se demorou moito en enfrontalas desde outras perspectivas, por exemplo, a da súa xestación, das súas iniciativas, e hoxe temos que facelo xa unicamente con recuperación histórica, non podemos ir a fontes directas.

Isto aconteceu onte, como quen di, mais estanos a pasar un pouco agora. Gran parte das publicacións apareceron e desapareceron, cunha vida máis longa ou máis curta, e aínda custa alimentar esas liñas de traballo arredor da comunicación e sobre todo do xornalismo. É certo que hai obras que desde a sistematización xeral foron moi importantes, como os traballos de Xosé Ramón Barreiro Fernández. Hai toda unha serie de traballos relevantes, como o propio repertorio bibliográfico da prensa galega. Pero son máis ben panorámicos e só en casos moi contados hai teses ou investigacións máis profundas. É certo que agora, nestes últimos anos, medraron, creo que algo tivo que ver a posta en marcha da facultade de Ciencias da Comunicación, e algúns profesores que investigaron estas cuestións, as iniciativas que se promoveron desde o Consello da Cultura Galega ou moitas asociacións culturais, xente que pola súa conta investigou e recuperou... Hai moitas achegas, mais se o comparamos cos estudos que houbo ou que hai da prensa en catalán ou en euskera, temos aínda algúns deixes.

E neste senso, que opina de que Nós Diario lance un coleccionábel sobre prensa histórica?

Cando vin que tiña esta iniciativa a verdade é que me alegrei moito, porque creo que hai moi poucas xa non destas características, que non houbo, senón de recuperación. Penso que todo o que se faga para achegar isto é bo, porque para saber o que somos quen de facer, temos que saber o que foron capaces de facer os nosos antepasados, como o fixeron, e iso seguro que nos dá ideas e perspectiva para o presente. Polo tanto, creo que este proxecto é fundamental e celébroo moito. Ademais, opino que as propias institucións deberan apoiar esta sorte de propostas, porque é un labor de interese público para o país.

A situación actual do galego na prensa

Eu son dos que teño unha visión optimista de cara ao futuro, e non tan optimista de cara ao presente. Fomos capaces de avanzar, os que temos uns cantos anos coñecemos etapas onde o único que había era medios alternativos en galego e poucos, pois moitos eran en castelán. A creación dos medios de comunicación públicos foi un paso moi importante que non debemos esquecer, seguen tendo un papel fundamental. As iniciativas que vai habendo son moitas e diversas neste momento, boa parte pequenas, na rede, especializadas...

Hai moitas máis das que parece, cunha grande efervescencia. Ao tempo, os principais medios levan moitos anos instalados noutro código e noutra lingua e seguen mantendo a incidencia. No cambio que está a haber, na sociedade da rede, o galego vai gañando territorios. A propia aparición e consolidación de Nós Diario e outras iniciativas que había, e hai, teñen moita relevancia, á marxe do número exacto de exemplares que difunden. E na medida en que estas existen e o conxunto da cidadanía vai valorando máis o galego, creo que cada vez terán máis presenza. Porén, ao mellor é que son moi optimista.

comentarios