Xornalismo

Os "parrafeos do pobo galego" na efeméride

O Día dos Medios en Galego conmemora a creación da cabeceira O Tío Marcos d'A Portela.
O Tío Marcos d'A Portela
photo_camera O Tío Marcos d'A Portela

Os "parrafeos co pobo galego" conmemoran hoxe o seu nacemento, efeméride que, desde hai dous anos, deu tamén lugar ao Día dos Medios en Galego, celebrado cada 7 de xaneiro con actos de diversa índole.

O Tío Marcos d'A Portela foi unha publicación periódica que comezou en 1876, conquistando o fito de se converter no primeiro medio monolingüe en galego. A edición, naquela altura a cargo de Valentín Lamas Carvajal, naceu con carácter quincenal, se ben ao pouco tempo pasou a editarse de maneira semanal.

O Tío Marcos d'A Portela foi unha publicación periódica que comezou en 1876, conquistando o fito de se converter no primeiro medio monolingüe en galego

Até a súa aparición, a presenza do galego na prensa ficaba marxinada ao anecdótico, en colaboracións literarias, fundamentalmente poéticas, en seccións satíricas, expresando o sentir do pobo, ou en pasatempos cunha vertente folclórica. O compromiso coa defensa do idioma foi un dos trazos máis característicos do xornal: "fálase chino na China, portugués en Portugal, catalán en Cataluña, e na Alemaña, alemán, soilo os gallegos d’agora hastra vergonza lles da falar a melosa e dolce fala que falan seus pais", denunciaban.

Os artigos, cun marcado carácter literario, incluían, para alén da sección literaria, opinión e actualidade, cunha boa parte deles escritos polo propio Lamas baixo diferentes pseudónimos. Moitas veces os textos expresábanse en forma dialogada (parrafeos), como fora habitual desde a aparición da primeira prensa en galego. O formato gozou dun salientábel éxito na Galiza, chegando a tiradas de 4.000 exemplares.

O xornal pasou por tres etapas, as dúas primeira, de 1876 a 1880 e de 1883 a 1889, con Lamas á fronte. No último ano comezou coas publicacións do Catecismo do labrego, que en 1889 pasou a editarse de maneira independente, coa personaxe de Marcos da Portela como protagonista.

A cabeceira recuperouse nunha terceira xeira, co mesmo nome e filosofía, no século XX, vencellada ás Irmandades da Fala

A cabeceira recuperouse nunha terceira xeira, co mesmo nome e filosofía, no século XX, vencellada ás Irmandades da Fala, que a editaron en Ourense entre 1917 e 1919, sumando 58 números. Nesta andaina, durante a que funcionou como altofalante do ideario da agrupación, estivo dirixida por Higinio Ameixeiras e Xavier Prado Rodríguez. Polas súas páxinas desfilaron nomes como Eladio Rodríguez González, López Abrente, Losada Diéguez ou Manuel Lugrís.

Comentarios