Contracultura

Xosé Antón Parada: "As linguas, onde tamén se forxan, é na tradución das obras máis importantes da historia"

A publicación do 'Código de Hammurabi e outras compilacións legais de procedencia babilónica' (Rinoceronte, 2022) traducido da súa lingua orixinal, a acadia, achega textos fundamentais para o desenvolvemento da humanidade. A obra presentouse esta sexta feira en Ribeira. O seu tradutor, Xosé Antón Parada, conversa con 'Nós Diario' do "proceso de vertido" ao galego e da trascendencia desta edición que agora ve a luz.
O profesor e experto en linguas antigas, Xosé Antón Parada. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O profesor e experto en linguas antigas, Xosé Antón Parada. (Foto: Nós Diario)

—Como naceu a idea de realizar esta tradución?
A miña formación foi filosófica e teolóxica, estudei nun seminario, e aprendín hebreo. Daquela estaba de bibliotecario e tiven que catalogar toda a obra de Amor Ruibal polo que atopei varias edicións do Código de Hammurabi e outros textos acadios. Foi a miña paixón e dediqueime a estas linguas tamén coa idea de dotar ao galego de dignidade con respecto ás traducións que xa existían. Estes textos non estaban na nosa lingua nin había traza de que se fosen publicar, e decidín embarcarme na tarefa.

—Foi difícil o proceso até rematar coa súa publicación?
Pasei primeiro unha etapa dura de formación, entrando en contacto con varios profesores e algunhas universidades, sobre todo dos Estados Unidos de América que é onde se traballa máis estas linguas.  A lectura de textos cuneiformes non é cousa doada. Presupón unha aprendizaxe de 900 signos distintos. Despois, ao principio non atopaba información no Estado español. Coa aparición de internet conseguín avanzar polo contacto con expertos como Miquel Civil, un dos mellores sumeriólogos do mundo que, após varias campañas en Iraq, pasou toda a súa vida na Universidade de Chicago. Dirixiu parte do meu traballo e achegoume moita información.

—Que significado teñen estes textos dentro da historia universal?
O Código Hammurabi supuxo un fito dentro da historia. Lémbrome que a un profesor de historia do dereito alguén do seu alumnado cuestionaba que o código defendía a lei do talión, a de “ollo por ollo”, e a súa resposta era que “é mellor ter unha lei como esa que non ter ningunha”. Supuxo a evolución da humanidade con respecto do que son as formas legais. Non foi o primeiro. Na edición que publicamos está o de Eshnuna e outros. En realidade está unha parte pequena da obra primitiva en xeral que non puido saír ao exceder o plan inicial e pasar de 500 páxinas. Están as compilacións legais máis importantes do período babilonio, por iso son catro obras.

O Código de Hammurabi foi o máis importante tanto pola súa fixación por mantelo escrito como pola súa transcendencia social na época. Hai que ter en conta que se fixo nun momento en que o rei Hammurabi acababa de pacificar a contorna territorial. No prólogo e no epílogo xa di que esta obra é para que o pobre non sexa oprimido polo rico e o poderoso non oprima ao débil. A súa importancia, polo tanto, está en que foi un sistema de pacificación nun territorio que era, naquela altura, un crisol de distintas etnias.

A nivel xurídico tamén tivo a importancia de ser unha das primeiras lexislacións que se fixeron públicas, mesmo ao estar no templo sagrado de Marduk, en Babilionia. Na propia estela aparece o deus Šamaš entregando a capacidade de dereito ao rei Hammurabi, desde un punto de vista relixioso tamén.    

—E que relevancia ten para a tradución galega?
Temos que tomar conciencia de que unha lingua que se valore ten que contar con obras tan antigas traducidas. Son chanzos no nivel de formación cultural do noso pobo. As linguas, onde tamén se forxan, é na tradución. En verter dentro desa lingua as obras máis importantes da historia. 

—Que outros textos fundamentais habería que traducir?
Estou rematando a tradución sobre o poema da creación, en babilonio, o Enuma Elish. Tamén traballo no poema Etana que fala da inmortalidade do ser humano. Por último teño pensado pór en galego a Epopea de Gilgamesh, o primeiro poema épico que hai na historia con versións sumerias e babilonias.

Comentarios