Xoán Rubia: "Cantar letras que puidesen ter incidencia á hora de espertar conciencias era case subversivo"

"Un home valente e coherente, que soubo extraer o imprescindíbel da súa existencia musical e escolleu sonoros riscos de humor para amenizar o discurso". Así describe Xavier Alcalá a Xoán Rubia no prólogo do libro Pasaba por alí. E quedei un intre (Galaxia). Nel, o cantautor mugardés recolle as vivencias da súa fonda traxectoria musical.
'Cantares da miña terra' e 'Lembranzas' son algúns discos de Xoán Rubia (Foto: Ovidio Aldegunde).
photo_camera 'Cantares da miña terra' e 'Lembranzas' son algúns discos de Xoán Rubia (Foto: Ovidio Aldegunde).

Como nace a idea de confeccionar o libro?

O proxecto xorde por unha casualidade, como case sempre acontece coas cousas da vida. Encargáranme un artigo para a revista Grial no que comentase a miña estadía e a miña chegada a Compostela no ano 68, con todas aquelas historias convulsas e movementos estudantís. Escribín o artigo e ao cabo dun mes recibín unha chamada da editorial coa proposta de poder escribir a miña experiencia desde que entrei en contacto por primeira vez coa música e como se foron sucedendo os acontecementos a partir de aí. Collino con certo temor, xa que sempre é complexo falar de si mesmo, e fun na procura de contar cousas que vivín directamente.

Foi así, púxenme a escribir e xurdiu esta posibilidade, coa que estou moi contento. É algo que queda aí, non pola importancia que poidan ter as miñas anécdotas dentro dese contexto, senón polo interese que tiña en contar un tempo de historia. Eran tempos complexos e non foi un camiño de rosas para aqueles que estabamos inmersos no que entendiamos como Nova Canción Galega, co fin de dar un pulo á cultura e ao idioma galegos. Interesábame que quedase reflectido e penso que así foi.

Recolle boa parte da súa traxectoria musical, non?

Si. Tentei que quedase o máis clara posíbel toda esa evolución e todos os avatares e dificultades que vas superando a medida que transcorre o tempo. Desde gravar os nosos primeiros discos en Edigsa até facelo, a nivel persoal, con Philips e máis tarde con Zafiro-Novola. A posibilidade que tivemos de gravar en Edigsa non foi máis que polo contacto que houbo entre o nacionalismo galego e o catalán. Alí gravábase a Nova Cançó Catalana, levaban un tempo traballando con ese interese e editando os discos dos cantautores cataláns. Logo, nos anos 68 e 69 xorde a Nova Canción Galega e alí estabamos, acollidos pola compañía en Barcelona.

Que papel xogou a Nova Canción Galega?

O certo é que non estabamos inventando nada. Mirámonos no espello no que os cataláns xa o estaban a facer, reflectíndose ao mesmo tempo no que acontecía en Francia. Pensamos que ese modelo podía ser práctico para a Galiza e iso foi o que fixemos. Ese foi o comezo da aventura. A representación máxima daquel movemento naquel tempo foi o grupo que se deu en chamar Voces Ceibes.

Como evolucionou o eido musical desde entón até a actualidade?

Cantar en galego naquel momento xa era complexo. Estabamos nun tardofranquismo no que había certas tendencias a ser un pouco máis permisivos, pero cantar en galego enfadaba as autoridades. Sobre todo, cantar letras que puidesen ter incidencia en espertar conciencias que estaban máis ou menos aletargadas, era case subversivo. Trato de mostrar as loitas que tiñamos coa censura, como se montaba todo para superar os atrancos.

O meu interese particular era poder expresarme e facer canción en galego, tentar polo á altura do castelán. Que a música galega tivese un oco na divulgación e que se escoitase. Se o conseguimos ou non xa é outra historia. Eu penso que non acadamos unha implantación na xente como era desexado, debido ás circunstancias e a unha difusión moi precaria. Que supuxo un alicerce para o que veu despois? Sen dúbida.

Ten algún outro proxecto pensado para un futuro?

Agora hai que deixar paso á nova sabia, á xente que vén con forza. Boto de menos, no que se refire a cantautores galegos, que non haxa un movemento que lle dea pulo á Canción Galega. Neste momento, teño unha grande ilusión de ver o libro rematado. Gustaríame darlle un novo pulo aos poemas de Lorca que musiquei hai anos. É un proxecto que a pandemia freou e que, cando se vaia normalizando a situación, chegarei a abordalo.

Comentarios