venres 07/05/21
Entrevista

Xiao Berlai: "Non quería cantarlle a un rural bucólico nin facer unha crítica do feísmo"

"Derrubaches os valos das miñas leiras / e rozaches as silvas do meu camiño / e aprendíchesme a sacar as malas herbas / aínda que ti xa non sempre ves comigo", canta Xiao Berlai nun dos temas do seu último disco, 'Cas Berlai'. Cun son acústico, celebra a beleza do cotián desde o espazo doméstico no que foi gravado por completo. 
Berlai no videoclip de 'No water', adianto do disco.
Berlai no videoclip de 'No water', adianto do disco. (Foto: Nós Diario)

Cas Berlai é un disco gravado integramente na casa, sen verse entre os músicos. Como foi traballar así nunha disciplina que bebe tanto do vivo?

Si, de feito nós sempre gravamos xuntos no estudio, esta é a primeira vez que o facemos cada un na súa casa. Foi curioso, porque nin nos vimos nin tocamos os temas nunca antes xuntos. Foi todo falar por teléfono: "aquí esta onda". Eu ía compondo e pasáballes os temas con algunha reflexión.

Eles enviábanme propostas, e como son uns musicazos [Pablo Sanmamed ao contrabaixo, Iago Mouriño ao piano e Bruno Couceiro na batería] xa estaban moi ben orientadas. Ademais tivemos a sorte de que Bruno, o batera, acababa de mercar microfonía para poder gravarse con calidade (o seu instrumento é do máis complicado de rexistrar).

—Até hai instrumentos feitos na casa, eses kazoos de plástico.

Claro. No primeiro traballo chamei amizades para que cantasen, fixesen coros ou tocasen as cordas. No segundo, que aínda non saíu, pois finalmente vai ser o terceiro (xa tiña outro listo antes de Cas Berlai), gravei con ventos tamén.

Neste caso, como o das colaboracións era complexo (nós os catro levamos tocando xuntos moito tempo, algúns desde os 17 anos, e coñecémonos musicalmente moi ben), ao final elixín facer estes kazoos na casa con restos de garrafas e bolsas de plástico. Funcionaron moi ben, como os ventos e os coros do álbum. Quedou todo moi íntimo.

—A temática bebe tamén do encerro. Como se viviu na aldea?

Hai moito do encerro, pero sen falar del. Creo que só se menciona o confinamento unha vez, co rollo de que tes todo o tempo do mundo para amañar a casa e eu aínda non o dei feito. Supoño que desde o rural foi mellor, podendo saír fóra, estar na horta... Eu son presidente da nosa comunidade de montes e tiña que ir ao monte por traballo, polo que tampouco foi tan diferente. Ademais son de Zolle (Guntín), aínda que vin moi novo para Santiago, pero non me cambiaba moito ao que vivín de neno.

No disco aparece ese amor á casa, aos lugares da casa, e ao cotián. Creo que hai moitas cousas que pasan desapercibidas, mais que son importantes porque é o que nos fai realmente felices no día a día, non polas cousas extraordinarias que nos pasan, que nos dan subidóns. Realmente o que che fai sentir ben é o cotián.

—O disco vai percorrendo os diferentes espazos da casa, até o acubillo de Tróski, o can, pero remata co tema "Bota-te ao mar". Por que o último sae fóra?

Por varias razóns. Ese tema foi o único que gravamos en estudio, porque ía para o outro disco, o que non saíu aínda. A sonoridade, de feito, non pinta moito, é máis electrónico que o resto, pero gustoume por como enganchaba a temática.

Hai un tempo vivimos no lugar de Brión, en Rianxo, onde naceu ese "Bota-te ao mar", unha canción que fai referencia tamén á noite. Como o disco pasa nunha xornada, faltábame esa parte nocturna e gustoume metela aí, pois na faixa anterior canta o can que prefire "as pulgas e o vento do mar".

—As casas a medio facer protagonizan a capa do álbum. Que lle atrae desta metáfora? Se é que é unha metáfora...

Supoño que si. A miña casa esta rematada [ri], pero eu viaxei moito desde Zolle a Santiago de adolescente e nesa estrada hai moitas. Quería cantarlle á felicidade de vivir no rural, mesmo no confinamento, pero sen pensar nun rural bucólico nin facer unha crítica do feísmo. Hai pouco lin un artigo sobre se existía ou non, se era unha cousa imposta por un medio de comunicación... Impactoume a lectura e os comentarios.

Eu igual teño unha visión máis poética do asunto. Hai unha casa na que quería facer varios videoclips, que só puido ser "No Water" por agora, que se comezou con moita ilusión, mais non se puido rematar. Eses preludios de ilusións rotas sempre me atraeron, esas cousas que puideron ser e non foron, que quedaron aí como lembranza.

—Un pouco na liña da ruína como obxecto...

Había un movemento artístico que sacaba fotografías habitando eses espazos, coa bata, coa manta... Un proxecto que teño de videoclips para facer en breve é vestir unha casa, ese esqueleto de formigón, e facer aí os vídeos todos.

—E que nos pode contar dese disco que ía ser o segundo pero finalmente será o terceiro?

É un traballo que, como o primeiro, vai ter ilustración, pero non banda deseñada. É unha especie de homenaxe a Cousas, cutre, que non son Castelao, cunha ilustración e un texto sobre algo que me pasou a min ou pensei sobre a Galiza. E logo a canción-poema. De feito, xa hai algúns que están nas redes, igual con pouco calidade. Por exemplo, como "Un home é un home", sobre Zara Home, e outro dedicado a Defende a Galega. Vén sendo unha especie de Estampas Galegas, vaise chamar así, con ese punto decimonónico no título. Sempre desde un pouco do humor, moi irónico.

—Algunha idea de para cando estará dispoñíbel?

Os textos están feitos e as ilustracións a medio camiño. No mellor dos casos, a finais de 2021, no peor, na primavera de 2022. Mentres, pódese mercar Cas Berlai na nosa web, onde tamén hai un mapa cos puntos de venda físicos.

Emma Pedreira entre as letras

En Cas Berlai son todo letras propias, menos a "Lista da compra -da viúva-". Berlai levaba tempo querendo musicar este poema de Emma Pedreira, desde que leu Antídoto. "Acórdome de chegar a el e ter que parar de ler, sempre me pareceu desolador e bestial", afirma. Porén, resultáballe difícil facelo. Viu a luz pouco antes do confinamento e pediulle permiso á autora para facer algúns cambios.

Intégrase no lar "porque está feito de moitos pasados e futuros", aínda que neste caso non sexa o seu propio. "Tamén me encantaba pórme na boca dunha muller. Quizais normalmente na música estamos afeitos ao contrario, que unha muller cante o sentimento do home", pensa. O compositor lembra que o da compra era o intre de saír da aldea, "con esa sensación de angustia que imaxino que todos vivimos".

comentarios