Crítica de música

Desconhecido, de Berlai

decoñecido berlai
photo_camera decoñecido berlai

Quizais esta sexa, con diferenza, a crítica máis longa que faga. Pero cando algo chega á pataca, chega. E máis se falamos dun disco coma este, cunhas letras tan interesantes.

Desconhecido (Axóuxere, 2016) é o primeiro traballo en solitario de Xiao Berlai. É un disco, un libro con historia, banda deseñada, ilustracións fascinantes (Ernesto G. Torterolo), un todo.

A primeira vez que topei con este proxecto quedei conxelada. Pola valentía, polo bo gusto, polo concepto, pola delicadeza, pola experiencia de Xiao, pola súa profundidade como artista. O propio Xiao ao principio do libro fai recomendacións sobre como gozalo: ler e mirar o libro mentres se escoita ou ben ir parando o audio… Eu non seguín ningún destes consellos. Primeiro escoitei, escoitei e volvín escoitar. Despois escoiteino máis veces, canteino, baileino, sentino… Finalmente abrín o libro, sabéndome xa case as letras de memoria, e sorprendéronme as imaxes: orgánicas, insinuantes ou explícitas, fermosas.

Nas letras, cheas de matices, de cousas novas por descubrir en cada escoita, temos sutís e non tan sutís referencias ao imaxinario popular galego (que dim os rumorosos, ai! Na costa verdecente,não dim nada de nada, e o bardo pró psiquiatra / Uma noite no moinho, uma noite não é nada, uma semaninha inteira, quen me dera uma semana).

Ademais, eu, muller feita e dereita, coa mente moi aberta e sendo moi difícil sorprenderme, atopeime fascinada coas referencias sexuais explícitas que contén. Tamén así conecta co noso imaxinario. Só alguén que camiña pola vida libre, con naturalidade e madurez artística, pode facer algo coma isto.

Abro a janela e bailo com as moscas que entran na casa, lava-me a chuva e bebo-a empapado com os braços abertos, e admiro de ver-me cantando-lhe a lua… e salta que salta, abraço-me ao vento e sonho na hora de estar-te por dentro.

Fugiria com a tua vida a qualquer lugar do mundo, é pensar só no teu cheiro, molho o pantalão por dentro. […] E uma lingua como a tua é sentir como me ponho: acende-se-me o corpo.

O teu refaixo, querida, por amor ao teu refaixo esquecim a minha vida… por amor ao teu de abaixo.

Desconhecido é unha historia de amor. Ou, mellor dito, de desamor.

Mas amei-te tanto que não quigem saber nada de outros amores... E seguim em ti,  apesar de tudo.

Continuei-te amando. Mas não era só uma eleição. Era que cada partícula do meu corpo habitaba a felicidade quando estávamos juntos.

Respecto á música, aínda que podemos clasificar este disco como pop/rock, mais non calquera pop/rock… senón o de alguén que ten tanto gusto que ao retomar a escoita do disco para esta crítica, ao terceiro segundo xa me puxo a pel de galiña. Por suposto, tampouco nos sons descoida as orixes, e hai até un tema nun canónico 4/4 no que asoma unha muiñeira. Non penso facer fincapé no feito de que Xiao non é cantante, que é o que a algún/ha oínte lle pode chamar máis a atención. É o noso Albert Pla galego, e a súa voz non é máis ca un medio para facernos chegar a mensaxe. Aínda así, cando o vin en directo sorprendeume gratamente o feito de que teña certa solvencia no papel vocal.

En Desconhecido hai elegancia, hai coidado nos arranxos, hai capas que destapar en cada escoita, hai saber facer. É tan profundo, cheo de imaxes retóricas, sonoras, visuais… que tedes que ser vós mesmas e vós mesmos @s que vos acheguedes a el. Se o facedes, agradecerédesme a recomendación, asegúrovolo.  

Desconhecido é unha historia universal, coa que sen dúbida todas e todos nós nos podemos sentir identificad@s. Desconhecido é unha historia real, a historia de un homem solitário… que preferiu viver e morrer só porque não lhe deixaram viver como ele queria.

Comentarios