Berlai abre as portas do seu lar no seu último álbum

Cas Berlai, un disco creado no confinamento que se estrea hoxe
Berlai no videoclip de 'No water', adianto do disco.
photo_camera Berlai no videoclip de 'No water', adianto do disco. (Foto: Nós Diario)

Berlai, o proxecto musical de Xiao Berlai, retorna en tempos de coronavirus cun disco creado durante o confinamento, dispoñíbel a partir de hoxe. Chámase Cas Berlai en referencia ao lar no que foi creado.

Logo do éxito de crítica do seu primeiro álbum, Desconhecido, o ex Fía na Roca trae unha proposta máis acústica e caseira, cantando á rutina e á beleza do cotián. Nela, cada canción convértese nun espazo da casa: a cama, o corredor, o espello, o water, a sala ou a “cas de Tróski” (o seu can).

Todos os temas son escritos por el agás a adaptación de “A lista da compra -da viúva-“, de Emma Pedreira. Neles fala do seu pai -morto antes de tempo-, das rupturas dos amores que nos tronzaron ou do seu TDAH (Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade).

A beleza está nas "flores que nacen do cemento", presenta o autor o disco gravado case na súa totalidade no confinamento e sen verse entre os músicos: Pablo Sanmamed (contrabaixo), Xiao Berlai (guitarra acústica), Iago Mouriño (piano) e Bruno Couceiro (batería).

Este traballo nace no confinamento vivido na aldea: “Con todo o bo que ten morar aquí nestes momentos (e tamén noutros, claro).

Sen esquecer as casas a medio construir no rural galego. Esas casas que son esquelete de formigón (como preludios de ilusións rotas)”.

Esas casas que protagonizan a arte que se plasma no propio CD, asinado por Ernesto G. Torterolo, que coñecemos como autor das ilustracións do primeiro traballo de Xiao. 

Comentarios