Contracultura

Xavier Portas: "Os temas de 'Só Paisagem' están conectados cos seus títulos, 'Procurar', 'Destruir', 'Recomençar'..."

Xavier Portas (Ponteareas, O Condado, 1978) vén de publicar o seu último álbum, 'Só Paisagem', dispoñíbel en todas as plataformas dixitais. Este é o terceiro disco do compositor e supón un avance na súa carreira musical.
O compositor e produtor Xavier Portas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O compositor e produtor Xavier Portas. (Foto: Nós Diario)

—Como xorde Só Paisagem?
A idea principal era utilizar material que estaba escrito, xa antigo, para desenvolver máis ideas e chegar a algo completamente novo. É algo que tamén fixen nos dous discos anteriores porque creo que co paso do tempo e a medida que se vai refacendo todo ese material vas chegando a algo ao que paga a pena darlle saída. 

—Con todo, este é un disco que dá un paso máis na súa traxectoria, non?
Si, por suposto. Os tres discos teñen as súas semellanzas e diferenzas. Como digo, os tres parten dun material bastante antigo. Con todo, eu diría que os dous primeiros son un pouco máis abstractos, máis complicados de ouvir. Teñen unha mestura de ideas importante e precisamente como tamén son máis longos acaban por desenvolverse moitas cousas en cada un dos temas. Creo que iso fai que sexan aínda máis duros de ouvir. No seu momento dicía que eran para escoitar mentres lavabas a louza, quizais á maior parte da xente gustaríalles escoitalos lentamente, de comezo a fin. Este último é, dalgunha maneira, un pouco máis sinxelo e, por iso, tamén máis doado de escoitar para a maioría.

Creo que está máis pensado no que se refire á orde dos temas e no desenvolvemento do disco como un conxunto. É un traballo máis redondo. E creo que tamén facilita unha escoita atenta de comezo a fin. Ao final, cada un destes traballos responde a un momento, a unha situación vital e tamén aos materiais cos que traballas. Eu non me dedico profesionalmente á música, polo que o meu labor neste eido está moi marcado polo tempo do que dispoño. A música é moi agradecida cando lle dedicas moito tempo, mais tamén é bastante desagradecida se non lle dedicas o tempo necesario.

Ademais, creo que tamén nese proceso vaise afinando unha personalidade até chegar a un punto de ter algo máis duro, máis formado e máis recoñecíbel para todo o mundo. Non sempre pasa, mais ás veces temos un inicio de cousas máis complicadas de ouvir e co paso do tempo acaban sendo máis entendíbeis. Depende de como te vaias desenvolvendo. Eu creo que aínda non cheguei ao momento de compor de maneira automática cousas que me soen a min mesmo.

—Precisamente, hai unha serie de temas que fan de ponte entre uns e outros.
Si, realmente son como fragmentos porque non chegan a ser temas completos e a súa función é precisamente a de conectar. O final de cada un deses cortes pretende dar entrada ao seguinte tema completo. Son temas que están moi conectados co título que os nomea, como "Preservar", "Procurar", "Destruir" ou "Recomeçar".

—Cales son os plans para o futuro do proxecto?
Vivir da música é bastante complicado. Con todo, cada vez estoulle dedicando máis tempo e non descarto dedicarlle aínda máis nun futuro. A medio prazo a miña intención é publicar máis música e ser capaz de levar todo o que fago aos directos nunha pequena xira. Aínda non teño claro cando poderá ser, mais xa estou pensando en facer unha selección de temas doados de levar ao directo con quintetos ou sextetos. Grupos non moi grandes, mais tampouco moi pequenos porque son temas que teñen bastantes arranxos e instrumentos.

Claro, isto é algo que leva moito tempo porque implica estabelecer dinámicas con outras persoas, ensaios e demais, e hai outras responsabilidades, mais agora mesmo estou facendo todo o posíbel para que sexa unha realidade.

Comentarios