De Clásicos Libres, gañador de Musicando Carvalho Calero

Giulio Pietropaolo: "Xa temos unhas cantas pezas máis no forno, musicando poemas galegos"

O grupo Clásicos Libres ergueuse como gañador do certame Musicando Carvalho Calero co tema "Ferrol 1916". Tras el está o compositor Giulio Pietropaolo, que explica a 'Nós Diario' como xurdiu esta multicultural formación xunto ás irmás galegas Ángela e Adriana Arias e o colombiano Raúl Platz. 
Giulio Pietropaolo, Adriana Arias, Ángela Arias e Raúl Platz.
photo_camera Giulio Pietropaolo, Adriana Arias, Ángela Arias e Raúl Platz.

Por que elixiron musicar o poema "Ferrol 1916"?
Gustounos moito aos catro, foi como un frechazo. Inspirounos tanta nostalxia... Vivímolo como moi familiar. Cando nos decantamos por musicalo, o proceso foi tamén un acto moi instintivo. Nada máis ler o poema xurdiu unha idea de melodía, de canción, todo foi moi espontáneo. Cando as cousas acontecen así na arte, significa que imos ben. 

Como nace Clásicos Libres? Xuntáronse ex profeso para o Musicando Carvalho Calero?
Nacemos co concurso. Somos catro artistas cun background común, todos vimos do mundo clásico, aínda que cada un segue a súa propia evolución. Tanto eu coma Raúl [Platz] dedicámonos tamén ao jazz, Ángela e Adriana [Arias], as vocalistas, son tamén bailarinas, e a primeira mesmo actriz. Hai moita versatilidade.
Somos amigos, pero nunca falaramos de formar un grupo até que decidimos facer este tema e presentarnos ao Musicando Carvalho Calero. Foi tamén moi natural e, por iso, moi bonito. 

Xunto á divulgación da obra de Carvalho, o certame pretende contribuír á dinamización da música en galego. Outros grupos que naceron da anterior edición do seguiron logo a súa traxectoria. É esa a súa intención? Ou Clásicos Libres vai ficar nun tema?
Queremos continuar, por suposto. Temos varias cancións xa escritas. Raúl e mais eu somos produtores e levamos tempo traballando nisto, xa estabamos enfocados cara á composición. Gustounos moito isto de musicar poemas galegos, e xa temos unha cantas pezas máis no forno, algunhas maquetas, outras aínda só na cabeza. Pero a intención é seguir, totalmente.

Con letras propias ou só con outros poemas musicados?
De momento son todas a partir de poesías musicadas. Temos a idea de meternos cun poema de Rosalía de Castro e tamén con outro de Manuel María. Logo estamos buscando, porque temos ideas musicais para as que aínda non atopamos poema. Ou tamén ao revés, algún poema pero sen idea melódica. Porén, material non falta.

Coñecían a obra de Carvalho Calero ou foi este un primeiro achegamento? 
Ángela e Adriana, ao seren galegas, si que a coñecían de antemán. Eu, como italiano, o certo é que non. Son máis lector de poesía do meu país, non estaba familiarizado coa galega e sorprendeume moito. Paréceme absolutamente xenial, do que fun lendo a partir de aí estame gustando moitísimo. 

Son ademais un grupo moi internacional. Como coincidiron?
Si, Angela e Adriana son galegas e eu italiano. Raúl é colombiano, mais con nacionalidade tamén alemá. Todos vivimos en Madrid e o que ao final máis mola da nosa formación é a multiculturalidade. E tamén a versatilidade, porque non é habitual atopar dúas vocalistas que tamén toquen o violín, ou compositores que producimos música. Hai moitos mundos que se atoparon aquí e que funcionan ben. Temos a sensación de que cada un ten o seu rol e achega o seu balanceando o gran de area que poñen o resto. E ademais pasámolo moi ben! 

Ese equilibrio na diferenza non é fácil de atopar, mais o tema que presentan bebe de aí cunha personalidade moi singular, algo que sorprende, sobre todo, ao ser o primeiro. Sei que é complexo, mais como definirían o seu estilo?
Etiquetar sempre é difícil, pero xa que vivimos no mundos das etiquetas, falaría dun pop-rock con certo sabor soul, pero cun background clásico. Nunha palabra sería imposíbel [ri].

Dez finalistas e máis de 4.400 votos

As votacións estiveron axustadas. Mais de 80 bandas e solistas presentáronse ao certame Musicando Carvalho Calero, organizado pola Associaçom Galega da Língua en colaboración coa Radio Galega.

Entre as súas propostas, un xurado escolleu dez finalistas que se someteron a un proceso de votación popular a través da rede, no que se sumaron máis de 4.400 pessoas -cun sistema de confirmación vía sms do teléfono para garantir a non duplicidade de votos. Nomes como MJ Pérez ("Nom existe a morte"), A banda da Loba ("O sonho da Catarina") ou Dandy Fever ("Calquer lugar é bom para morrer") estiveron preto na recta final.

Foi Clásicos Libres, musicando o poema "Ferrol 1916" con sonoridades pop-rock e matices de música celta,o gañador dos 1.500 euros en metálico e a gravación do tema nos estudios da Radio Galega, que inclúe tamén un videoclip.

Comentarios