Os versos musicados de Carvalho Calero

A poesía de Carvalho Calero conta con adaptacións musicais aos máis diversos estilos. Ofrecemos un repaso polos seus versos a ritmo de jazz, punk, bossa ou pop, mentres observamos con impaciencia as novas versións que axiña han chegar. 
os amigos dos músicos
photo_camera Os amigos dos músicos

Malia ser a poesía de Carvalho Calero unha das faces menos coñecidas deste autor poliédrico, os seus versos atoparon (e van atopar, axiña descubriremos por que) na música numerosas adaptacións. E sen minguar a súa calidade como poeta, parte do mérito hai que atribuírllo ao concurso Musicando Carvalho Calero, un certame promovido pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) e Komunikando en 2010, en conmemoración do centenario do nacemento do ferrolán.

Así, con este pulo engadido, atopamos máis dunha vintena de versións musicadas da lírica de Carvalho que percorren os xéneros máis diversos: jazz, rock, punk, hardcore... Mais foron os acordes sincopados e plácidos da "María Silencio" de A minha embalada, coa doce e maxistral voz da angolana Aline Frazão, os que se fixeron co galardón, nunha expresión perfecta da integración da Galiza na lusofonía. Aínda que, de certo, o importante neste caso era participar.

Este texto do poemario O silenzo axionllado (1934) xa fora interpretado tres anos antes por Fanny + Alexander, recollido no disco Finais dos 70s, comezos dos 80s. Ao pop únese unha voz electrónica que recita parte dos versos, co inconfundíbel selo poético que imprimía o dúo.

Outra interpretación de "Maria Silêncio" chegará axiña da man de Carmen Penim, segundo nos confirma a cantante, dentro do próximo proxecto de 2naFronteira. Xa en 2015, o disco Sons de Nós, que musicaba poesía vencellada á revista Nós, incluía un tema de Calero: "Teño unha dor", co piano de Maurizio Polsinelli no acompañamento. "Houbo temas que ficaron fóra do disco", conta Penim, que agora, con motivo do centenario de Nós, farán parte dun concerto-exposición con estética de cómic, que estaba pensado para divulgar o autor polos institutos. Entre eles, seis poemas son de Carvalho.

Mentres agardamos o desenvolvemento da pandemia, dúas novas poesías verán a luz este domingo, con motivo do Día das Letras, e outras dúas agardarán até o 31 de outubro, a data alternativa de celebración da homenaxe. A de Penim debe ser a que máis versos do ferrolán musicou, sobre todo da súa etapa xuvenil. "Uns foron máis doados de adaptar que outros", confesa. Por exemplo, "Maria Silêncio" está a dar traballo. "É un texto moi longo e dá pena sacrificar unha parte", explica a artista. Persoalmente, o que máis atractivo lle resulta da poesía de Carvalho é a capacidade para "transmitir moito sentimento, mais dunha maneira próxima, fácil de entender mesmo para quen non consome habitualmente poesía". 

A sedución da dúbida interna

Para alén de "Maria Silêncio", houbo outros poemas do mestre que espertaron máis interese entre as bandas. "Nom sei / se matei. / Estivem / na trincheira. / Nom vim / o meu / inimigo. / Disparei. / Nom sei / se matei", comeza un dos textos de Futuro condicional (1961-1980) (1982). Foi esta incerteza torturada unha das que mais versións protagonizou, desde o rock do país de Ruxe Ruxe ao máis hardcore de Labazada.

A banda que capitanea Vituco Neira recorre á anadiplose para alongar as frases e adaptalas mellor ás voltas de compases en catro tempos: "Fun ferido mais non sei / non sei se matei". Ademais, engaden algúns versos de colleita propia: "atravesan o meu ceu / o meu ceu e o do meu inimigo". O in crescendo final, cun memorábel slap do baixo, fura o dubidoso retrouso inevitabelmente na cabeza: "Non sei eu non sei / non se matei".

Pola súa banda, Labazada tamén fai seu o tema agregando até unha estrofa: "Non sabes onde está o inimigo / se está fóra ou está dentro contigo / non sabes onde viran as balas / nin se che dará tempo a esquivalas". Unha versión máis dura, cunha distorsión que reflicte a crueza da loita interna que convocan os 32 curtísimos versos de Calero. A estas, súmase a musicalización máis arriscada de Alfeizar, dúo formado por Américo e Stif, que ofrecen un tema que xoga coa vertixe do ruído, a melodía da guitarra e un home que cantaruxa, sobre o que se espreguizan algúns versos recitados por voces case electrónicas. 

As incertezas de Europa

Mais non fica atrás en versións outra das representativas líricas do "fillo de Eva", como el se definira, como é "A orquestra filarmónica de Osaka", tirado de Reticências... (1986-1889) (Sotelo Blanco, 1990). As súas versións resultan das máis ousadas, a comezar pola que asina A Foice. Esta adaptación traballa coa primeira parte do poema de maneira moi próxima ao spoken word, cunha base ecléctica no fondo sobre a que se cospen as palabras de Calero, que se van mesturando, no fondo dun eco múltiple que xoga a polifonía dunhas frases cada vez menos perceptíbeis. O recitado queda entón prendido na repetición: "matam / coas tuas armas, amam / cos teus beijos, falam coas tuas palabras", que finalmente enuncia en primeira persoa.

Son eses mesmos versos que se retorcen até o extremo na versión que A Foice gravaba con Malvares de Moscoso, actual compoñente de Rebeliom do Inframundo, para un disco de compilación de Língua Nativa (2015): "falam coas túas armas / matan cos teus beixos / aman cas túas palabras". Unha base moito máis rítmica, mais cunha fluidez eléctrica, se cabe máis escura, que desenvolve unha atmosfera densa na que se integran á perfección as reflexións de Carvalho. Tres remixes deste tema darían para tirar un novo single que asinaron os artistas galegos Alexandre Villalba e J.CNNR xunto aos chilenos Lluvia Ácida.

Malvares deixaría unha nova imaxe deste poema en colaboración con Tábula Rasa, banda de Soutomaior que ten por premisa a unión de metal e poesía galega. Sobre a base en vivo de guitarras distorsionadas e acrecentando asemade a última parte do poema, recollen en Bandcamp en 2017 esta nova alfaia da que se atopan rastros do directo, cando menos, desde 2012. Dun rock pesado, por veces próximo ao stoner, sete minutos vibrantes fan un tema con dilatados momentos instrumentais que deixa entrar un corte de música acougada no final, para logo coller de novo forza, ao berro repetido, case tribal, de "Europa".

Porén, a versión máis persoal do tema deixárona Os Amigos dos Músicos, cunha interpretación totalmente libre, que cae do lado dun rock progresivo con reminiscencia floydianas. A letra mantén só uns poucos versos, mais procura desenvolver, desde unha construción nova, unha estrutura que xoga cos mesmos referentes e que traslada as fortes imaxes que hai no poema. Así o explica Arcadio Nóvoa, integrante da banda. De tal maneira, aparece esa orquestra filharmónica que toca con músicos nipóns desde o comezo –"O nacional acolle acordes orientais"– á estrofa con vocación de 

retrouso –"E sei que en Bratislava / a sinfonía chega ao final". Con iso, reelaboran o pouso do poema que fala de como "para conseguir a distancia do discurso poscolonial empréganse os recursos da cultura colonizadora", neste caso a Europea, a través da capacidade crítica. Igualmente, aparece o mitolóxico rapto de Europa, "deitada entre areas / deixando ver os brancos peitos de muller". Ese final, "e son 1980", explica Nóvoa, "vén dun verso de Ferrín, que nos encaixaba moi ben coa idea dos vinilos e CD de orquestras que estaban tan de moda na época".

"A orquestra filarmónica de Osaka" foi o primeiro tema que gravaron xuntos Os Amigos dos Músicos. Mais entendéronse ben e foi "o principio dunha longa amizade", na expresión que quedou para a posteridade cinéfila, en diversos traballos máis longos ou máis curtos, que seguen aínda en activo.

Curiosamente, na escolma do texto poético feita polos distintos grupos, hai tres versos que ficaron sempre fóra: "como no curro / dos montes da Barbança os bravos poldros / de esgrêvias crinas, tardos de domar". 

Outras pezas

Os temas de Carvalho son case o único rastro que atopamos dalgúns grupos, como As avoas filólogas. O seu "Eu protesto" adapta cun rock dinámico e pegadizo un tema de Futuro condicional (1961-1980) (1982), que deixa a pegada da humildade: "O demais nom som piores do que eu som...". Milhomes asinaba "Afastado de venus", rap que se basea en "Douscentos mil quilómetros", de Reticencias, no que Carvalho se expresa cun intimismo culto, que xoga de novo coa mitoloxía grega. "Nom estranhes que o amor / nom te seja propício" é a síntese da aceptación da espera polo amor.

Doutras bandas tivemos ben máis noticias, como o movido rock and roll de The Teta's Van ou o frenético punk dos Esquíos, ambas as dúas xogando con versos de "Luísa Sorriso", poema de O silenzo axionllado (1934). Tamén Ataque Escampe musicou Carvalho con "Desde o céu com amor", gravado por Marcos Payno. "Pretende ser unha especie de testamento apócrifo", aseguraban, no que Álex Charlón e Miguel Mosqueira cantaban alternándose, desde certa nostalxia mais cun convite a danzar, versos como "calquera lugar é bo para morrer / cando todos están contra ti".

O verme homicida deixou unha versión de "Mulher", de Anjo de Terra (1950), que logo recollería no álbum O rei mukade. "Automovel", adaptado por Tommy Gun e Leite de Nai; "Todo termina mal", de Avante!; "Jimmy mais eu", de Les Trois de Cora ou "Xadrez sobor lençóis", de Intranxeira completan unha longa listaxe de que non ha demorar moito en sumarse novos elementos, pois xa se anunciou un novo concurso Musicando Carvalho Calero, que terá lugar proximamente, como froito da colaboración da AGAL, de novo, coa CRTVG. Agardaremos impacientes polos fértiles versos musicados que van vir

[Artigo patrocinado pola Deputación da Coruña]

DepCor_horiz

Comentarios