domingo 19/09/21

WOS, Womex e todas as novidades musicais para os vindeiros meses

Hoxe comeza o WOS Festival en Compostela e xa todo nos indica que comeza o curso. Rematan os festivais de verán e volvemos ás salas e aos auditorios. E unha chea de bandas teñen novo disco no forno. Estades preparadas?

cópia de At the Showcases WOMEX 14 by Jacob Crawfurd (1)
Concerto na Praza da Quintana en WOMEX 14 [Imaxe: Jacob Crawfurd]

Hoxe 7 de setembro comeza o WOS Festival en Compostela, un dos máis destacados festivais ‘indie’, que se reparte por diferentes espazos da cidade até o día 11, e con actividades complementarias de gastronomía, cinema e artes escénicas, ademais de relatorios varios. 

E a festa de vila coa que realmente dicimos adeus ao estío é a Guadalupe de Rianxo, que desta volta vén cun extra: o Festival Tosta de linguas e culturas minorizadas que ten lugar do 9 ao 11 de setembro. 

Nas mes Festival de la Luz, a proposta promovida por Luz Casal que ofrece unha ración ben grande de eclecticismo musical: desde Barón Rojo a Hombres G pasando por Rosa Cedrón ou Jackson Browne.

Outra das grandes citas do ano é o WOMEX 16 que volve recalar en Compostela. A maior feira do mundo da ‘world music’ ofrece un programa aberto ao público con 45 concertos en tres días (do 20 ao 22 de outubro), con artistas de máis de 40 países, entre os que podemos a atopar catro bandas galegas: Radio Cos, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre e Narf cos mozambicanos Timbila Muzimba. 

Tamén chega o mes que vén o Outono Códax Festival, que como cada ano nos trae unha selección de soul, o blues, o rythm&blues, o funk e o rock´n roll dos 60 e dos nosos días. Desta volta celébrase do 7 de outubro ao 12 de novembro, con 6 concertos entre os que destaca Martha High. 

Novos proxectos musicais

E a tempada outono-inverno da música galega traeranos moitas novidades en forma de disco. Ademais do que xa vos contamos dos novos proxectos de Ses, Guadi Galego, Ialma e Mercedes Peón, pola banda dos rapaces están a cocer moitos CDs que verán a luz nos vindeiros meses. 

Xa anunciaron novo disco Radio Cos, que logo do éxito de ‘Sete cuncas’ (coroado pola selección oficial no Womex), ten xa gravado todo o material que Quique Peón e Xurxo Fernandes presentarán a finais de ano. 

Tamén están xa na sala de mesturas Talabarte, o trío de folc instrumental que forman Pedro Pascual, Quim Farinha e Kin García. O mesmo podemos dicir de Os d’Abaixo, que publicarán nos vindeiros meses o seu primeiro disco de estudo logo de ‘Ao vivo en Lorient’. 

Tamén haberá traballo novo de Clara Pino e Pablo Vidal, e tamén sairá ao mercado o primeiro traballo en solitario de Berlai, un coidadísimo libro-CD titulado ‘Desconhecido’ no que Xiao Berlai nos trae un feixe de debuxos, cancións e poemas que contan unha historia.

E, para rematar, Ruxe-Ruxe cumpre 20 anos e celébrao sacando á rúa o seu décimocuarto disco, ’20 segundos’. Preparen os seus petos. 

comentarios