V Semana do Patrimonio Invisíbel

Visita aos segredos de Compostela

A concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón, e o director de Trivium, César Abella, presentaron onte a V Semana do Patrimonio Invisíbel, que se desenvolverá entre o 12 e o 17 de setembro nunha decena de lugares da capital galega que invitan a deitar unha mirada diferente sobre a cidade e sobre a súa Historia.

A Biblioteca América, no Colexio de Fonseca, será un dos lugares que se visiten na Semana do Patrimonio Invisíbel.
photo_camera A Biblioteca América, no Colexio de Fonseca, será un dos lugares que se visiten na Semana do Patrimonio Invisíbel. (Foto: SPI)

O que non se coñece non se pode amar. A Semana do Patrimonio Invisíbel, que se desenvolve do 12 ao 17 deste mes, parte desa certeza para encher ocos no pouco coñecemento que se ten dalgúns dos recunchos máis escondidos da cidade de Santiago. Mediante visitas guiadas, ofrécse á cidadanía a oportunidade de visitar lugares que -ben porque son pouco coñecidos, ben porque son de difícil acceso- non gozan da popularidade das atraccións turísticas máis obvias. 

"Ás veces, camiñamos pola cidade e, ao pasarmos por diante dunha porta, preguntámonos que haberá detrás", comenta Manuel Rial en conversa con Nós Diario. "Esa porta que hai na rúa de Bonaval e que sempre permanece fechada dá acceso a un cemiterio privado, algo que probabelmente nunca imaxinariamos". Rial é unha das persoas que guiará estas visitas e refírese, neste caso, á capela e o cemiterio da Confraría do Rosario que, situados no interior de San Domingos de Bonaval, constitúen unha das novidades da edición deste ano, a quinta. 

"Este ano, ademais, visitaremos por primeira vez outros dous espazos, o convento de San Francisco, que garda un claustro gótico e a tumba do mítico fundador Cotolai [que se supón que hospedou a San Francisco de Asís na súa peregrinación a Compostela] e tamén o Arquivo Histórico Universitario que, malia o que podería levar a imaxinar polo seu nome, non garda soamente documentación sobre a Universidade, senón que tamén conserva fondos históricos do Hospital Real, do Concello de Santiago ou dos antigos municipios de Sar, Enfesta e Conxo".

Éxito de público

A Semana do Patrimonio Invisíbel conta desde o inicio co favor do público, que esgota as reservas para as visitas guiadas en poucas horas. E que tamén marca as súas preferencias, obrigando a organización a multiplicar as actividades en certos lugares que acaban sendo favoritos como a Tribuna da Catedral, desde a que se ten unha visión perfecta da estrutura románica do edificio. "Si, a Tribuna sempre ten unha gran demanda. E tamén os mananciais de Compostela, unhas grutas que conteñen as fontes de auga desde os tempos de Xelmírez, cando a poboación medrou e houbo que buscar auga en novos mananciais e construír acuedutos que a canalizasen. Aínda hoxe seguen surtindo de auga a cidade". 

As visitas de Patrimonio Invisíbel parten de dúas premisas: a calidade do discurso narrativo nas guías -a cargo do proxecto Trivium de xestión cultural- e a protección dos bens que se visitan. Os grupos sempre son reducidos -nunca máis de quince persoas- para ser respectuosos cos espazos visitados.

"Esta visita permite mergullarse nese mundo industrial agora desaparecido", explica Rial

En xeral, estes lugares son fráxiles e falan dun pasado moi afastado. Mais, en ocasións, ofrecen unha mirada nova e sorprendente sobre Compostela: a Fundación Laboral da Construción, por exemplo, permite descubrir un descoñecido pasado industrial da cidade. "Santiago é unha cidade que nunca imaxinamos como industrial", explica Rial, "mais resulta que a súa industria dos curtidoiros foi unha das máis importantes da Galiza e incluso da península desde finais do século XVIII até comezos do XX. Até o punto de que mesmo importaba peles desde a Arxentina. Especialmente na fabricación de material para o calzado, tivo unha importancia enorme durante case dous séculos e caracterizábase por facer un traballo moi delicado, en contraposición coa industria do Mediterráneo, que era menos refinado na súa elaboración. Esta visita permite mergullarse nese mundo industrial agora desaparecido". 

 O Colexio de Fonseca, a priori, parece un lugar máis transitado pola cidadanía mais aloxa espazos como a Biblioteca América, moi pouco coñecida e difícil de visitar e que "resulta sempre unha sorpresa para as e os visitantes", revela Rial. "E o mesmo pasa coa Facultade de Historia, na que, ademais de as estancias máis coñecidas como a Aula Magna, coñecemos puntos aos que normalmente non existe acceso público, como a terraza do piso superior, desde a que se pode gozar da que quizais sexa a panorámica máis completa da cidade vella, ou o despacho do decano, onde se conserva un dos orixinais do mapa da Galiza de Domingo Fontán". 

Malia que con cada edición se amplían as prazas dispoñíbeis para asistir ás visitas guiadas, a demanda segue duplicando e mesmo triplicando a capacidade, o que demostra a curiosidade da cidadanía por coñecer a súa propia Historia. 

A semana rematará cunha visita secreta e un percorrido nocturno na xornada de clausura. "É unha especie de agasallo cuxos detalles non podo desvelar, mais que, con seguridade, sorprenderá ás persoas que se apunten". 

Comentarios