venres 24/09/21
'De lugares e órganos' decorre entre o 24 de agosto e o 3 de setembro

Compostela en clave de órgano

Os órganos fan parte do patrimonio material dun país e, ao tempo, son o vehículo polo que discorre parte do seu patrimonio inmaterial: a música. O festival De lugares e órganos repasa cinco séculos de partituras para este instrumento e liga o herdo artístico e o musical nunhas xornadas ateigadas de descubrimentos. 
O músico Fernando Buíde. (Foto: Cedida)
O compositor Fernando Buíde. (Foto: Cedida)

O son dun órgano está ligado inevitabelmente ao lugar onde está instalado. Por iso quizais, o título De lugares e órganos é tan acaído para un ciclo que vindica tanto a figura do órgano como instrumento como o seu papel como elemento integrador do conxunto arquitectónico no que se atopa.

Un órgano é algo semellante a iso que na arte se chama site-specific, unha obra realizada para un espazo concreto: está pensado para axustarse ás características acústicas e espaciais do edificio

Belén Bermejo, directora artística do ciclo que decorrerá do 24 de agosto até o 3 de setembro, subliña que o encontro subtitúlase Música e outras paisaxes "para facer da música unha paisaxe máis nunha cidade que permite ser contemplada de moitas formas diferentes. Un órgano é algo semellante a iso que na arte se chama site-specific, unha obra realizada para un espazo concreto: está pensado para axustarse ás características acústicas e espaciais do edificio". 

O programa de De lugares e órganos segue tendencias contemporáneas de recuperación de música antiga ibérica, e engade outras visións que non son tan habituais. "Os repertorios para órgano abranguen múltiples etapas da historia da música", explica Bermejo, "e nós facemos un esforzo por dar unha mostra de todas elas, tendo moito coidado en interpretar a música antiga cos criterios estilísticos que agora sabemos que existían en cada época". 

Tamén as partituras creadas despois da chegada ao Novo Mundo teñen cabida no ciclo: o programa ofrece unha mostra do frutífero que foi o encontro entre as músicas ibéricas e as que existían en América. "É interesantísima a fusión entre estas músicas, retroalimentáronse dunha maneira fermosísima e moi orixinal. No concerto "Dous mares" (26 de agosto), o órgano funciona como eixo de presentación destas músicas que proceden en gran parte das fundacións xesuíticas en América e que serán interpretadas polo brasileiro Marco Aurélio Brescia, un gran especialista neste campo". 

"En realidade", continúa Bermejo, "o programa pretende reflectir todas as posibilidades estilísticas e sonoras dos órganos, por iso temos desde músicas do Renacemento até pezas contemporáneas. E ademais, presentamos proxectos que levan outras músicas ao terreo do órgano: é posíbel levar o son do órgano a todos os xéneros".

"Afortunadamente", aclara Bermejo, "en Santiago temos o órgano da Igrexa da Universidade que, ao ser un espazo no que non se celebra culto, permite experimentar con novas estéticas sen ferir ningunha sensibilidade"

Nese sentido, o ciclo atrévese a experimentar con obras que asoman a xéneros máis contemporáneos, como no caso de Eccos, de Rafa Fernández, que mestura música ambient, con videocreación ao vivo. "Afortunadamente", aclara Bermejo, "en Santiago temos o órgano da Igrexa da Universidade que, ao ser un espazo no que non se celebra culto, permite experimentar con novas estéticas sen ferir ningunha sensibilidade". 

De lugares e órganos serve tamén de escaparate para un traballo de rehabilitación patrimonial. A directora do festival lembra que "desde a segunda metade do século XIX, por razóns históricas, hai unha patente decadencia da música sacra e o mantemento dos órganos comeza a ser problemática. Entra en crise non só o repertorio senón tamén a construción dos instrumentos e toda a industria que se move arredor dela. Por iso chegamos a finais do século XX cun gran número de órganos en moi malas condicións. En Compostela recuperáronse moitos, e iso dános a oportunidade de levar a cabo este ciclo mais, en xeral, na Galiza, quedan moitísimos por recuperar e mesmo hai un bo número deles que xa se perderon irremisibelmente".

Fernando Buíde estrea unha nova obra para órgano dentro do ciclo

O compostelán Fernando Buíde, un dos máis recoñecidos compositores do panorama actual, dará un interesante concerto o día 31 de agosto, no que porá en relación autores que crearon música en Roma con outros vinculados a Compostela. Os dous centros de peregrinación atoparanse en San Paio de Antealtares a través de obras de Desprez, Frescobaldi, Zipoli ou Corelli (cunha obra tomada dunha transcrición atopada no libro de órgano da catedral de Tui) ou de Gaspar Esmit, autor que foi organista en Ourense, Tui e Xunqueira de Ambía a finais do século XVIII. 

O concerto rematará coa estrea dunha peza composta especialmente por Buíde para a ocasión. "A obra é unha peza inspirada nun himno gregoriano, Alma redentoris mater, que dialoga con outra das obras presentes no programa", explica. 

comentarios