Espazos sonoros comeza hoxe unha nova edición por escenarios simbólicos

O lugar da música e a música do lugar

'Memoria dos lugares. Voz do tempo' é o lema escollido este ano polo festival Espazos Sonoros para acoller un programa de concertos en diferentes enclaves patrimoniais que pretende "deitar unha ollada sobre o pasado que nos permita observar e interpretar o presente para albiscar no futuro". 
O dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños, incorpórase este ano aos escenarios presentes en Espazos Sonoros.(Foto: Piquito)
photo_camera O dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños, incorpórase este ano aos escenarios presentes en Espazos Sonoros.(Foto: Piquito)

Fusionar o pracer da música co de permanecer nun lugar de características especiais que incrementa o gozo. A fórmula que emprega o festival Espazos Sonoros é unha invitación e, ao tempo, un modelo que permite infinitas variacións, todas elas igual de atractivas. 

A edición de 2022 do festival, baixo o lema Memoria dos lugares. Voz do tempo, viaxa por lugares tan simbólicos como as igrexas de Santa María dos Ánxeles e a de San Xiao de Bastavales en Brión, o mosteiro de San Xoán de Caaveiro na Capela, o Convento do Rosario de San Sadurniño, o mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes, ou San Paio de Antealtares en Compostela. 

Desde a súa primeira edición, en 2008, as estratexias do festival foron cambiando, mais Belén Bermejo, directora artística do festival, insiste, en conversa con Nós Diario, na necesidade de dar tempo e de ter paciencia, unha receita que invocan practicamente todas as persoas que se dedican á programación cultural. "Nas primeiras edicións, a asistencia do público era máis escasa e mesmo algo máis precavida. Mais pouco a pouco foise incorporando xente e foise normalizando a asistencia a este tipo de concertos, e agora cada convocatoria é un éxito de público. A perseverancia é algo fundamental". 

A fórmula escollida, ademais, permite captar públicos que habitualmente non son asiduos das salas de concerto ortodoxas. "Claro, porque aquí xúntanse varios atractivos: está a música pero está tamén o patrimonio que se visita, que se contempla cunha ollada moi aberta que permite coñecelo mellor que nunha visita guiada regular. Permite coñecer máis a fondo os espazos e abre a porta a públicos moi diferentes. Moita xente que viña por curiosidade cara aos espazos acabou atrapada pola música e viceversa. É algo que se retroalimenta. Foi moi efectivo como combinación". 

A produción de Espazos Sonoros, por outra parte, está máis atenta ás persoas que ao espectáculo, o que lle outorga a cada un dos concertos un ambiente de comunidade difícil de atopar noutros festivais. 

 

Xanela ao mundo 

Este ano, o programa ofrece, como sempre, unha proposta que combina a identidade coa ollada ao exterior. "O que sempre  procuramos é elaborar unha programación feita desde e para a Galiza, mais cunha xanela aberta ao mundo. Queremos elaborar un festival que estea moi marcado pola nosa identidade tamén para posicionalo como produto propio que se poida ensinar en calquera parte".  

A combinación de artistas galegas e foráneas trae sorpresas como a proposta de Dous Mares, nas que a cantante Diana Baroni e o guitarrista mexicano Rafael Guel compartirán escenario coa formación galega Grupo 1500, do que tamén forma parte o contrabaixista cubano, afincado na Galiza, José Manuel Díaz, moi vinculado ao mundo do jazz, interpretando obras dos cancioneiros de Palacio, Elvas, de Martin i Coll, Gaspar Fernández, e sons tradicionais de México. 

Tamén estará presente o prestixioso Austrian Baroque Company, habituais dos grandes escenarios europeos. Ou Favola D'Argo, unha formación italobrasileira, que colabora habitualmente con músicos galegos e  que interpretará un atractivo programa de músicas escritas na transición entre os séculos XVIII e XIX, por compositores do talle de António da Silva Leite e Frei José de São Boaventura, para atender á prolífica demanda das monxas portuenses do antigo Mosteiro de São Bento da Avé-Maria do Porto. Será cunha combinación de arpa, voz e órgano "moi rara na actualidade mais moi habitual na altura", apunta Bermejo. 

Ao carón deles, Abraham Cupeiro, un músico de Sarria cuxa obra é recoñecida internacionalmente por abalar entre a música antiga, o jazz e o folk, cun completo catálogo de instrumentos construídos por el mesmo. Ou o arpista Manuel Vilas que ofrecerá un concerto que pretende reconstruír unha velada de músicas para arpa solista na Idade Media. 

Tamén se poderán escoitar artistas galegos que empezan a despuntar, como o contratenor Miguel Ulla, que ofrecerá un concerto co grupo de música antiga que se formou ao seu arredor, La Spagnoletta, cun programa composto por arias de ópera e extractos de cantatas dos séculos XVII e XVIII. 

O programa complétase cun concerto no que os Ministriles de Marsias recuperarán o a esencia do que eran os conxuntos de menestreis, unha formación musical que combinaba o órgano coa corneta, sacabuxa, chirimía, baixón e baixonciños; e un recital de órgano de Ana Aguado, que fará un percorrido pola música de diferentes países europeos, cunha selección de autores do século XVI ao XVIII, entre eles, Pachelbel, Cabezón, Sweelinck, ou o compostelán Olagüe. 

Comentarios