[VÍDEO] A Xunta promove nas redes as pantallas de Xinzo de Limia como se fosen de Viana do Bolo

Varias persoas criticaron este erro nas redes sociais.
Pantallas de Xinzo de Limia. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pantallas de Xinzo de Limia. (Foto: Europa Press)

Este sábado decorreu na cidade de Santiago de Compostela o desfile de entroidos tradicionais da Galiza, unha cita que serve para promocionar unha das festividades máis importantes do país lonxe dos lugares nos que cada ano se celebran estes entroidos.

As rúas do centro histórico de Santiago e a Praza do Obradoiro enchéronse de curiosos e curiosas que querían ollar os cigarróns de Verín, os follateiros de Lobios, os galos da Mezquita ou as pantallas de Xinzo de Limia, entre outros, realizar o percorrido deseñado para o desfile.

As pantallas de Xinzo de Limia foron protagonistas especiais deste evento, mais non só pola súa peculiar forma. A Xunta de Galiza, a través da conta de Twitter de Turismo da Galiza, estaba a cubrir o desfile con imaxes e vídeos. Ao compartir un vídeo das pantallas de Xinzo, cometeron un erro que non pasou desapercibido para varios usuarios e usuarias das redes sociais.

“Seguimos ao Entroido de Viana do Bolo no seu desfile polas rúas de Santiago de Compostela!”, sinalaba Turismo da Galiza, xunto cun vídeo das pantallas de Limia. A pesar de que varias persoas sinalaron o erro, no momento de escribir esta información, Turismo da Galiza aínda non rectificou o chío.

Reaccións nas redes

No momento no que a Xunta subiu este chío ao Twitter, foron varias as reaccións que sinalaban o erro e o descoñecemento da realidade cultural da Galiza.

“Mimá! ‘Turismo de Galicia’ da Xunta, non sabe que esas son pantallas e son do Entroido de Xinzo”, sinalaba unha usuaria da rede social. Outro usuario criticou que “desde a Xunta nin sequera saben diferenciar os Entroidos de Galicia”.

Precisamente, o Entroido de Xinzo de Limia está considerado como Festa de Interese Turístico Internacional, despois de que o concello conseguise obter esta declaración en 2019.

Comentarios