O Domingo fareleiro inicia un Entroido de transición

Xinzo de Limia celebra esta xornada o inicio da súa festa por excelencia, suspendida no 2021 pola pandemia. Os municipios do “triángulo máxico”, que suman tamén a Laza e Verín, retoman con precaución os actos dunha tradición que non se quere perder.

Entroido Xinzo de Limia (Foto: Nós Diario)
photo_camera Entroido Xinzo de Limia (Foto: Nós Diario)

Pendentes das decisións do comité clínico, os municipios con máis presenza do Entroido agardaron até última hora para decidirse por como será este ano a festa.

O pasado 26 de xaneiro as autoridades anunciaban que poderían celebrarse desfiles, bailes itinerantes e espectáculos, eventos que poderían contar co 100% de capacidade, mais está prohibido fumar, tamén nos exteriores, incluídos os cigarros electrónicos.

Aliás, para o acceso a espazos interiores será obrigatorio o certificado Covid cando o público supere as 200 persoas e 500 en exteriores e cando se vendan comidas e bebidas.

Desde o Concello de Xinzo de Limia, a localidade co Entroido máis longo, este sábado iniciouno co Petardazo e hoxe é o primeiro domingo de festa co Fareleiro. A súa alcaldesa, Elvira Lama, asegura que "vai ser un  Entroido de transición por un principio de prudencia" pensando en que "terá que haber menos  Entroido de noite".

Nas reunións que mantiveron cos Concellos de Verín e Laza acordaron que haberá charangas desde primeira hora da tarde e até as once da noite durante eses días, pero non haberá orquestras para evitar aglomeracións e efecto chamada.

Sen a Morena en Laza

Outra das decisión foi prescindir dalgunhas celebracións programadas, non só en Xinzo de Limia, tampouco a quinta feira  de Comadres en Verín, ou a popular Baixada da Morena en Laza, pero os tres concellos coinciden en apostar polo do 2023 como o ano no que se poderá regresar ao Entroido habitual.

O protocolo aprobado pola Xunta da Galiza si permite os desfiles e os bailes, sempre que cada un dos concellos adopte todas as medidas necesarias para garantir o uso correcto dos espazos nos que se desenvolvan.

Ademais, faise obrigatorio o respecto da distancia interpersoal e o uso de máscaras tanto para participantes como para público.

A pesar diso, os concellos decidiron evitar riscos deixando os eventos en mans da poboación. "Apelamos á responsabilidade individual. Non temos autoridade nin xurídica nin legal para prohibir a ninguén saír á rúa, evidentemente a xente pode saír e celebrar o seu propio  Entroido", concluíu Lama.

Comentarios