Como será o Entroido 2022 na Galiza? Estas son as novas restricións

Sanidade di que serán os propios concellos os encargados de "velar" polo cumprimento das medidas.
Celebración do 'non-entroido' en Laza, o 14 de febreiro de 2021 (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
photo_camera Celebración do 'non-entroido' en Laza, o 14 de febreiro de 2021 (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).

O comité clínico avaliou na súa reunión da terza feira o protocolo das festas do Entroido, que finalmente poderá celebrarse con desfiles, bailes itinerantes e espectáculos, mais estará prohibido fumar.

Os eventos poden celebrarse a 100% de capacidade, mais está prohibido fumar, tamén nos exteriores, incluídos os cigarros electrónicos. Aliás, para o acceso a espazos interiores será obrigatorio o certificado Covid cando o público supere as 200 persoas e 500 en exteriores e cando se vendan comidas e bebidas.

Sanidade delega nos concellos

Na rolda de prensa que ofreceu para explicar as decisións do comité clínico, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, fixo fincapé en que deberán ser os concellos os que, en función das características dos seus festexos, fagan velar polo cumprimento das medidas.

Así, subliñou que os gobernos locais deberán garantir un "uso correcto" dos espazos e o desenvolvemento, en condicións de seguridade, de desfiles e bailes itinerantes, tanto de participantes nos espectáculos como por parte do público.

O conselleiro manifestou que os concellos "teñen a experiencia" de Nadal. "O que se lles pide é que tomen as medidas oportunas, que van depender da natureza do concello", apuntou, para indicar que, por exemplo, neste caso o entroido en Verín celébrase de forma máis intensa que noutras localidades como poden ser A Coruña ou Vigo.

Así, indicou que, "basicamente", trátase de que os concellos "garantan a distancia e o uso da máscara". Non serán necesarias zonas de acotamento nas vías públicas con límite de persoas, mais si en espectáculos e eventos, que terán unha capacidade máxima.

Comentarios