O Museo de Pontevedra reconstrúe a vida burguesa do Novecentos

A vida cotiá na Pontevedra 'fin de siècle'

O Museo de Pontevedra recrea a vida da burguesía galega no cambio do século XIX ao XX a través das reconstrución das vidas de Carmen Babiano Méndez-Núñez e as súas fillas María e Concha Mendoza, últimas moradoras do Palacete dos Mendoza, onde se reunían artistas e intelectuais. 
A mostra trata de reproducir a vida cotiá da burguesía pontevedresa da altura (Foto: Deputación de Pontevedra).
photo_camera A mostra trata de reproducir a vida cotiá da burguesía pontevedresa da altura (Foto: Deputación de Pontevedra).

"Tres mulleres ás que a súa posición social lles brindou oportunidades das que careceron a maioría das súas coetáneas”. Así se expresaba o director do Museo de Pontevedra ao falar das protagonistas da exposición De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza Babiano. Dúas xeracións de mulleres para a historia de Pontevedra, Carmen Babiano Méndez-Núñez (1852-1914) e as súas dúas fillas María e Concha Mendoza.  

Foron as tres últimas moradoras do Palacete dos Mendoza -o edificio que actualmente é a sede de Turismo Rías Baixas en Pontevedra- e poden actuar como símbolos dunha burguesía que lle profesaba culto á cultura, á moda e á beleza, mentres o imperialismo español en ultramar chegaba á súa fin coa perda das últimas colonias.

Os faladoiros, os bailes de sociedade e as veladas musicais que se realizaban nos salóns do que foi coñecido como "o chalé Méndez Núñez" colocaron a familia no centro da vida social da Pontevedra da altura. "O seu confort, as súas delicias, compárteno coa sociedade pontevedresa", dícia un periódico da época. A sociedade estaba constituída por vultos como o músico Manuel Quiroga, o pintor Carlos Sobrino, o arqueólogo Casto Sampedro, autores como os irmáns Andrés e Jesus Muruais ou Emilia Pardo Bazán, a viúva de Valle Inclán ou o discutido Nóbel de literatura José Echegaray

Anfitrioas dun mundo intelectual e cultural que se desenvolvía en veladas particulares, a exposición céntrase, precisamente, "no papel que xogaron as mulleres na familia e, por extensión, na sociedade na que lles tocou vivir", segundo declaran as comisarias da mostra, Beatriz de San Ildefonso e Natalia Fraguas.

Babiano, porén, foi autora dunha obra considerábel -o propio Museo de Pontevedra conserva máis de 100 cadros da súa autoría- e destacou pola súa capacidade como pianista, quizais suficiente para convertela nunha reputada concertista. 

Afeccionada con talento

As contradicións daquel tempo que se poden observar na exposición comezan coas dificultades que tivo Carmen Babiano para ser aceptada como artista. Malia que se recoñeceu o seu talento como pintora e a pesar de ser gañadora de varios certames e participar en numerosas exposicións como a Exposición Rexional e Industrial e Artística da Galiza de Santiago de Compostela ou a Exposición Rexional de 1880, en Pontevedra, nunca puido pasar do status de afeccionada con talento. Babiano, porén, foi autora dunha obra considerábel -o propio Museo de Pontevedra conserva máis de 100 cadros da súa autoría- e destacou pola súa capacidade como pianista, quizais suficiente para convertela nunha reputada concertista. 

Malia ser posuidora de todas estas cualidades e dunha vasta cultura ("estaba à la page en todo", dicía dela Filgueira Valverde) a súa traxectoria viuse cerceada ao contraer matrimonio co médico Víctor Mendoza en 1882, cando se retirou do ámbito público. "Vai casar: a arte foi vencida polo amor", diagnosticaba un xornal madrileño.

A vida cotiá

A exposición do Museo de Pontevedra está estruturada en dúas partes: a primeira, dedicada á traxectoria como artista de Carmen Babiano e a segunda, á vida das súas fillas como continuadoras do seu legado como mantedoras de salóns e veladas dedicadas á arte e ás letras que tiveron unha importante repercusión no ambiente intelectual de Pontevedra. Os obxectos expostos mostran o luxo burgués como reflexo do culto á beleza e á moda dun fin de século dividido pola contradición entre a fe na ciencia e na modernidade e o pesimismo provocado pola contestación a todos os valores tradicionais orixinada no materialismo.

Poden verse, así, obras de arte, libros, revistas, fotografías, xoias, obxectos decorativos ou pezas de vestir que tratan de recrear a vida cotiá daquelas familias. As pezas -moitas das cales non se mostraran ao público até o de agora- forman parte dos fondos do propio Museo de Pontevedra e foron restauradas para esta ocasión.

Os responsábeis do Museo destacan importancia dos moitos retratos das tres mulleres feitos polos principais fotógrafos da época (tanto de Pontevedra –Zagala ou Pintos- como de gabinetes doutras grandes cidades ás que viaxaban) e, sobre todo, a correspondencia persoal (as cartas en francés, alemán e inglés que foron traducidas). 

 Todo isto, xunto coa axuda e relatorios dalgúns dos familiares máis próximos, de persoas que as coñeceron, e dos descendentes dos que foron os seus amigos persoais, permitiu reconstruír as súas vidas. 

Modernismo, decadentismo e atracción polo Oriente na vida cotiá

A exposición, que permanecerá no Museo de Pontevedra até o vindeiro 24 de abril, permite achegarse a algunhas das correntes estéticas que marcaban a vida intelectual do cambio de século, como o modernismo e a art-déco, o decadentismo ou a sedución que exercía Oriente sobre os artistas. Moitos destes movementos influenciaban a vida cotiá a través da publicidade, das revistas e publicacións periódicas, do deseño de obxectos da vida cotiá e mesmo da vestimenta. 

Comentarios