Mercedes Vázquez Saavedra e Xan do Vilar, declarados mestres da memoria

As distincións entregaranse no marco da VIII Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, que terá lugar, co apoio do Concello de Lugo, o 27 de outubro, no Centro Cultural Vello Cárcere da cidade das murallas.
Vázquez Saavedra, no Museo de Lugo, co avental típico das mulheres de Pitões das Júnias. (Foto: Leticia E.)
photo_camera Vázquez Saavedra, no Museo de Lugo, co avental típico das mulheres de Pitões das Júnias. (Foto: Leticia E.)

Mercedes Vázquez Saavedra e Xan de Vilar serán os Mestres da Memoria homenaxeados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A Sección de Literatura de Tradición Oral desta entidade, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, Xosé Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da AELG recoñecelos polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, e pola súa contribución a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular.

Mercedes Vázquez Saavedra é é unha escritora, fotógrafa, etnógrafa e documentalista galega cuxos traballos sobre os Entroidos e sobre as mulleres arraianas son ampliamente recoñecidos. Xan de Vilar, pola súa parte, é o fundador do museo etnográfico de Folgoso do Courel, tristemente desaparecido tras os incendios que devastaron a rexión durante o verán de 2022.

As distincións entregaranse no marco da VIII Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, que terá lugar, co apoio do Concello de Lugo, o 27 de outubro, no Centro Cultural Vello Cárcere da cidade das murallas a partir das 18 horas, con entrada libre até completar capacidade.

No acto, conducido por Lois Pérez, participarán Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Espín de Doncos, quen lerá a laudatio de Xan de Vilar, e Aser Álvarez, que será quen lea a laudatio de Mercedes Vázquez Saavedra.

Faladoiro

No marco das actividades previstas para esta Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, esta quinta feira tivo lugar un faladoiro en homenaxe á recentemente falecida Dorothé Schubarth, no que participaron Branca Villares, música, cantante e recompiladora, Richi Casás, músico, e Sergio de la Ossa, musicólogo, profesor e guitarrista. O peche musical estivo a cargo de Germán Díaz.

Comentarios