Cesáreo Sánchez Iglesias: "A obra é unha viaxe a unha terra que é unha galaxia de culturas, de crenzas e de idiomas"

Cesáreo Sánchez Iglesias, poeta e actual presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), vén de publicar A árbore que dá as lágrimas de Shiva (Xerais), unha obra realizada após a experiencia vivida durante varias viaxes á India ao longo destes últimos anos. O autor conversa con Nós Diario sobre a dificultade de relatar, fóra da poesía, a intensidade que produce achegarse á 'galaxia de culturas' que atopou nas súas visitas.
O poeta Cesáreo Sánchez nas Covas de Badami, nunha das viaxes realizadas á India para crear o novo libro (Foto: Nós Diario).
photo_camera O poeta Cesáreo Sánchez nas Covas de Badami, nunha das viaxes realizadas á India para crear o novo libro (Foto: Nós Diario).

Como nace 'A árbore que dá as lágrimas de Shiva'?

A través de tres viaxes que fixen á India ao longo de seis anos. A viaxe, no fondo, é unha viaxe interior, na busca do desnudamento, da desposesión, de desaprender. É unha viaxe extrema na procura da soidade. Extrema, tamén, no sentido da percepción da beleza, da dor que existe no que ves, no que sentes física e mentalmente.

Aínda que ten un soporte físico, é unha viaxe que está feita a unha terra que é unha galaxia de culturas, de crenzas e de idiomas. No fondo, é un diálogo desde a propia cultura, que é a equipaxe que leva quen alí vai, coas outras culturas que se atopa. Non é posíbel o diálogo se non coñeces a túa propia cultura. Precísalo para que poidas sentir, ás veces, a entraña daquela cultura que dalgunha maneira achégate á túa, a aquela que acrisolas humanamente.

Non é fácil nunha entrevista falar do contido dun libro que non sabes se o conseguiu, hai unha certa imposibilidade de abarcar a inmensidade e a profundidade do que estás a ver e a sentir. En todo libro sempre hai unha sensación de que te achegaches á cerna do que buscas mais hai outras moitas formas de concibir o mundo que estás a ver e que dialogan coa túa e co que ti es. 

É un exercicio de desposesión no sentido de que tamén realizas un desnudamento daquilo non esencial do que culturalmente nos arrodea. Quero dicir, do que chamamos cultura occidental ou euroamericana. No fondo, tamén, é un proceso de descolonización cultural o que estás a vivir cando te achegas con empatía, con necesidade de inmersión, nesa outra galaxia de culturas.

É tan distinta e ás veces non tan distante por todo aquilo que nos une aos humanos, o que nos fai ser sobre lugares e terras concretas. Ás veces ves que a Galiza de hai 60 anos que viviches da infancia e que desapareceu da realidade está alí. É difícil comunicalo se non é poeticamente.    

Foi preciso un traballo de achegamento previo á cultura da India?

Non. Eu normalmente cando vou a outra cultura nunca preparo previamente o que vou ver. Si é certo que leo escritoras. Neste caso, especialmente, foron escritoras por ser dalgunha maneira un mundo en feminino, a pesar de que é negado. Quero ver como se ven a si mesmas as escritoras e os escritores das culturas que hai na India. Ese proceso deuse en min posteriormente á escrita, coñecer cousas que tiña visto e que quería entender.

A información que podes ter é a que che permite camiñar fisicamente e ir duns lugares a outros. Neste caso é unha escrita da miña experiencia poética. Dalgunha maneira agardo que as persoas que fagan realidade o libro coa lectura, ao final é o que fecha o círculo da escrita, se acheguen a el desde o propio sentir, do propio ser e do propio mundo poético que todo o mundo ten e está a construír cando le un libro de poemas.    

Seguimos descoñecendo a cultura da India? 

O que nos chega da India son determinados clixés, determinado mundo angloindio que foi asumido alí e que vén de volta á eurocéntrica Europa. Mais a realidade é que o mundo de homoxeneización, de pensamento único, fai que só apareza o que é de postal. Está feito a propósito polos mass media en xeral. 

Hai pobos que teñen relacións históricas coa India. Un exemplo témolo nos Països Catalans que levan tempo escribindo sobre a cultura da India. Un dos primeiros dicionarios que se fixeron na Europa de sánscrito é o catalán. Nós temos, e dalgunha maneira quixen facerlle unha humilde homenaxe, o libro de Vicente Risco sobre a India e a cultura oriental. O coñecemento daquela cultura formou parte da nosa cultura.

Comentarios