Máis

Valboa vibra desde as raíces

A Galiza vive no gran festival do Bierzo
347225886_600243598747459_6454671122133863511_n
photo_camera Prieto Picado na Xana do Torío (Valboa, O Bierzo) en maio deste ano nunha actividade de Vibra Valboa. (Foto: Vibra Valboa)

Na comarca do Bierzo localízase o concello de Valboa, unha pequena poboación que pertence administrativamente a Castela e León, mais que, situándose no linde do concello de Cervantes (comarca dos Ancares), conserva a lingua e a cultura galegas.

Todo isto, xunto coa defensa da natureza, é o que reivindican desde o festival Vibra Valboa, un proxecto baseado na defensa do feminismo, a ecoloxía e a diversidade global que serve como un lugar de encontro para afastarse do ruído e que procura crear un espazo para as músicas do mundo dunha forma consciente e evitando a pegada contaminante. Unha iniciativa que conta con entradas a partir dos 28 euros e que na súa relación coa Galiza non só inclúe grupos do país, senón que comunica en galego.

Desde o 31 de agosto até o 3 de setembro, música e obradoiros mestúranse nun festival que chega á súa VI edición despois dunha longa pausa e de levar en funcionamento desde  2012. Un compás de espera que lle permitiu á organización reforzar os seus principios de reivindicación da cultura. Así, con máis forza que nunca, este ano volven coa festa nunhas xornadas que se desenvolven a través de sete espazos diferentes do lugar.

A praia fluvial, a Paioza de Valboa, o auditorio do Castelo, a Paioza da Canteixeira, o Subiao, a Amalavida e a Casa das xentes son escenario de catro obradoiros e 18 actuacións musicais nas que prima a mestura de xéneros e culturas cunha programación que avoga pola fusión de ritmos. As xornadas ábreas o jazz fusión de Prieto Picado e féchaas unha gran foliada aberta cun cartaz, en galego, no que se atopan grupos como O Sonoro Maxín, a Fanfarria Taquikardia ou o grupo Chotokoeu.

Comentarios