Chotokoeu: “Sabemos que é o mellor que fai cada un e aproveitámolo”

Chotokoeu é unha banda asemblearia. Non só é un grupo musical, tamén son un colectivo con gana de axitar a cultura e promover festivais e outras accións. Veñen de sacar novo disco e iniciar unha xira por Europa. En Galiza estarán o 12 en Ourense, 19 en Compostela e 26 A Coruña

chotokoeu2
photo_camera Chotokoeu

O seu novo traballo, 'Saír a voar', afonda na súa proposta: fusión, balkan-rock, drum&bass e moita festa. Falamos con Rubén, o seu baterista. 

- Presentades un segundo disco que fixestes con máis repouso. Que cambiou?
- O disco anterior foi recompilar as cancións que viñamos facendo durante bastante tempo, porque o noso comezo foi na estrada, coemzamos a tocar e non paramos ata que pasados catro anos dixemos “hai que gravar”. E este, aínda que os temas xa os tiñamos tocado en directo, non foi o mesmo, tivemos máis tempo para arranxalos, para preparalos ben. Hai máis cousas novas, non é tanto recompilatorio como o anterior, a presentación da nova etapa musical como do proxecto no que estamos agora mesmo.

- Como definirías esa etapa?
- Un pouco é un periodo de moitísima actividade. Digamos que temos que temos a máxima enerxía posible para poñer todo o que poida cada un dentro do proxecto para que saia para adiante, como di o título do disco, 'Saír a voar', coller o disco e moverse a onde sexa coa nosa música, coa nosa maneira de ser e intentar que a xente o coñeza. 

- Gravastes o disco en Pau (Francia), e seica foi unha festa. 
- Foi unha experiencia potente, ir tan lonxe tiña os seus pros e os seus contras, pero a idea era estar desconectado da vida de cada un e centrarse na gravación. 

- Compoñedes todos as cancións, non?
- Si, é algo que intentamos mantelo, porque creo que enriquece moito. É bastante libre, a verdade, aquí non hai liderado, cando alguén trae algo intentamos que o traia xa ben traballado e que leve el o peso, pero un día é un, outro día é outro. Eu creo que iso enriquece porque se sempre é a mesma persoa pódense parecer moito as cancións, ademais temos gustos diferentes, e iso enriquécenos a todos. 

"O caso da Coruña é bastante sangrante, porque nin a xente nin os músicos teñen onde ir"

- Cóntame iso de que vivides todos nunha aldea en Uxes. Non só facedes música alternativa, senón que tamén practicades unha vida alternativa. 
- Non todos, pero si a maioría, somos catro que estamos vivimos en dúas casas. Foi todo froito da casualidade, antes ensaiabamos nun local na Coruña que non era moi bo para crear, e sempre falabamos de buscar unha casa, e atopei unha en Uxes. Iso para o grupo supón unha vida máis tranquila, máis cómoda, máis natural para crear, para facer cancións, para organizarse, e mesmo para traballos de oficina. E ao final resulta que está vindo xente, amigos de amigos, e xa temos varias casas de xente amiga vivindo por aquí, é unha vila moi preto da cidade, e estamos repoboándoa e a xente do pobo encantada. Somos a orquestra do pobo. 

- Porque ademais de músicos considerádesvos activistas. Organizastes festivais...
- Esa tamén é outra das inquedanzas que sempre tivemos. Apetecíanos organizar, producir e demais e comezamos con eventos, Noites de Luz, Caravana de Emeerxencias, o festival Vibra, o máis ambicioso, e a verdade é que o resultado foi moi bo. E nesas seguimos. Porque ademais cremos que hai escaseza de espazos, de eventos diferentes, no que o artista estea implicado e que non sexa simplemente un negocio. A raíz das nosas viaxes coñecemos outros grupos, outras culturas, e gústanos convidalos. E iso é unha oportunidade de facer intercambios. Fannos falta máis espazos que artistas, porque xente que faga cousas interesantes hai moita, o que pasa é que a veces non teñen oportunidade de ensinalo. O caso de Coruña é bastante sangrante, porque nin a xente nin os músicos teñen onde ir. E niso estamos, intentando darlle vida e voler a poñer a cultura e a música neste caso, onde se merece. 

- Vós apostastes desde o principio polo mercado internacional. Xa fixestes unhas cantas xiras por Europa...
- Si, nunha asemblea decidimos entre todos que iamos apostar por isto o tempo que puidese durar, con traballos paralelos puntuais, quixemos volcarnos nisto. Unha das inquedanzas que tiñamos era coñecer xente, viaxar. E hoxe en día todos temos amigos por todo o mundo e empezaron a levarnos a cidades de Europa. En principio fomos sen pretensións, pero logo fomos de forma máis profesional. A primeira xira foi de 40 e pico días, unha tolería, estamos moi orgullosos pero agora xa o facemos mellor. Desde Inglaterra até Sicilia en furgoneta. Foi duro pero pagou a pena. E nesas seguimos, sementando. Para nós a música non ten fronteiras. Nese sentido estamos moi contentos. 

- Funcionades de forma asemblearia?
- Si.

- E un día decidistes que vos iades dedicar só a isto?
Si, foi a finais de 2012. E despois cada ano foi a máis en canto a motivación e ganas e enerxía. Ver que se pode facer as cousas doutra maneira, cun proxecto desde abaixo, cooperativo, sen líderes, e ver que pode funcionar. E non é un caos, hai confianza, sabemos que é o mellor que fai cada un e aproveitámolo. E con esas premisas traballar en equipo. 

Comentarios