A Xunta afirma que está a traballar pola oficialidade dos topónimos en galego no Bierzo e Seabra

A Administración galega quere "oficializar polo menos unha toponimia bilingüe", de modo que sexa normativamente correcto utilizar nomes como "Toural dos Vados" ou "Vilafranca do Bierzo".

Bierzo wikimedia commons

A Xunta afirma que está a traballar pola oficialidade dos topónimos en galego no Bierzo e Seabra.  Así o explicou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, durante unha intervención na comisión de Cultura para responder a unha pregunta do PPdeG sobre os resultados do ensino de galego en ambas as dúas áreas, que fan parte da comunidade de Castela e León.

Tras expresar os bos datos que obtén este programa de ensino da lingua, Valentín García dixo que a intención da Xunta é "empezar unha nova fase" en relación ao galego na área, a da toponimia.

Na súa intervención, destacou que algúns dos lugares destas áreas teñen "unha toponimia que poderiamos dicir que está moi castelanizada", o que é acorde coa súa pertenza a Castela e León, pero cuxas "formas patrimoniais son galegas". "Ou teñen, polo menos, tamén unha forma galega", dixo o secretario xeral.

Con iso, a Administración galega quere "oficializar polo menos unha toponimia bilingüe", de modo que sexa normativamente correcto utilizar nomes como "Toural dos Vados" ou "Vilafranca do Bierzo", mencionou, algo que require, admitiu, unha modificación normativa. "Non é fácil, pero estamos a empezar a mover as primeiras pezas", apuntou.

Sobre o programa de ensino de galego nestas dúas áreas limítrofes onde a súa implantación é "histórica", dixo Valentín García, impártese neste curso en 19 centros de Primaria e Secundaria.

A iniciativa, segundo o secretario xeral, "foise consolidando sempre", mesmo a pesar de que a área sofre "unha caída demográfica moi severa", sobre todo en relación aos centros rurais.

Aínda con iso, o programa de aprendizaxe de galego incrementou a súa cifra de alumnos, pasando de 1.115 no curso 2021/2022 a 1.173 no 2022/2023. "Non é unha cifra espectacular, pero é moi importante para a demografía da zona", destacou Valentín García, tras o que engadiu que todos os centros que participan actualmente confirmaron xa a súa permanencia o próximo curso.

Comentarios