Máis

Unindo A Illa con pontes

Unha construción que mudou a forma de vivir e unha obra de enxeñaría pioneira no seu tempo. 
pnteillaarousa
photo_camera Ponte que comunica a Illa de Arousa coa costa. (Foto: Lameiro)

Na illa de Arousa (comarca do Salnés) son moitas as persoas que lembran a ausencia da ponte sobre o mar, a xestión autosuficiente do territorio e as dificultades para ir ao médico, acudir á escola ou transportar mercadorías. Tan só 38 anos pasaron desde que as viaxes en barco para ir desde a illa até os territorios lindeiros eran algo tan rutineiro como o é agora coller o coche e cruzar a ponte. Un elemento arquitectónico que cambiou o modo de vivir da poboación arousá que non só tiña que enfrontarse a maiores custos de vida, senón que tamén vían o seu único medio de transporte condicionado ás mareas e ás inclemencias meteorolóxicas.

Inaugurada o 14 de setembro de 1985, foron moitos os anos de loita nos que a veciñanza reclamou esta construción. Tanto é así que no ano 1952 creouse unha comisión veciñal que esixía electricidade en condicións, a edificación da ponte e o recoñecemento como concello propio. Xa en 1979, as reivindicacións continuaron coa coñecida como Festa Pro Ponte. Todo isto levou a que se iniciase unha obra de especial relevancia para a época que puña o foco nas melloras da enxeñaría civil e que tivo unha partida orzamentaria de 1.500 millóns de pesetas. Cunha lonxitude de 1.980 metros, durante un tempo chegouse a considerar unha das pontes de maior extensión da Galiza e do Estado Español.

Unindo a Illa de Arousa coa zona costeira da localidade, e sendo aínda agora a única entrada por terra, a ponte da illa conta cunha viga continua de 38 vanos, espazos libres entre os apoios dunha construción, de cincuenta metros de luz e outros dous vanos nos extremos de corenta metros. Edificada en forma de curva, sábese que o seu radio é de dous quilómetros e medio e a altura das pilas, os elementos verticais que dan soporte á estrutura, varía entre os 3,5 e os 12 metros.

Outro dos elementos na construción son os pilotes, encargados de trasladar a carga do peso. No caso da ponte da illa, os seus pilotes chegan até os 40 metros de profundidade.
Co tempo foron introducíndose alteracións e melloras. Destacando as remodelacións no ano 2011 para a incorporación de luz propia na estrutura.

Comentarios