A última sesión das xornadas do centenario de Manuel Murguía abordou as relacións transatlánticas de Murguía e Rosalía

María Xesús Lama analizou os vínculos xornalísticos de Murguía coa emigración americana, Xurxo Martínez repasou a fixación dunha “literatura nacional” desde a obra de mocidade do intelectual e Ana Acuña falouda pegada da literatura popular na obra de Murguía e mais o seu labor para preservala.

Manuel Murguía, nun retrato realizado o día en que facía 89 anos. (Foto: RAG)
photo_camera Manuel Murguía, nun retrato realizado o día en que facía 89 anos. (Foto: RAG)

A derradeira xornada do centenario de Manuel Murguía (1833 – 1923) mirou onte cara a América desde a Fundación Rosalía de Castro (Padrón). 

A profesora da Universitat de Barcelona María Xesús Lama falou da relación do primeiro presidente da RAG e de Rosalía coa emigración transatlántica na mesa redonda sobre literatura e nación, moderada por Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, que se celebrou no último fogar da escritora.

A profesora da Universidade de Vigo Ana Acuña analizou a pegada en Murguía da literatura popular e o filólogo Xurxo Martínez achegouse á súa contribución á fixación dunha literatura nacional. 

A relación de Murguía e Rosalía con América maniféstase desde o comezo da súa actividade pola presenza do tema da emigración na súa obra, pero durante a Restauración articúlase en colaboracións arredor de dous proxectos xornalísticos de Murguía en vida de Rosalía, salientou María Xesús Lama, biógrafa da escritora. Un deles foi a dirección da revista La Ilustración Gallega y Asturiana (1879 – 1881), o gran proxecto promovido por Alejandro Chao; e o outro, as colaboracións entre 1881 e 1883 con La Nación, publicación editada en Bos Aires por Manuel Barros. 

 

Xurxo Martínez fixouse noutra publicación xornalística, La Oliva, periódico fundado en Vigo en 1856 e do que Murguía foi responsábel da sección cultural. Nas súas páxinas expuxo sendo aínda ben novo a súa primeira interpretación da historia política e literaria da Galiza en traballos que máis adiante incluiría como textos introdutorios do Diccionario de escritores gallegos (1862) e do primeiro volume da Historia de Galicia (1865).

O filólogo repasou as ideas centrais plasmadas en ambos os textos sobre a fixación dunha “literatura nacional” na cal a lingua, a temática e o estilo son elementos centrais; e contrastará tamén a posición reflectida en La Oliva coa de textos posteriores para observar as mudanzas e constantes operadas no discurso.

Ana Acuña, pola súa parte, salientou que cómpre estudar a creación do autor de base tradicional e revisar o seu valor literario e, por outra banda, recoñece o interese que o intelectual demostrou pola preservación da literatura oral, da que promoveu a recolla. 

“O labor de Murguía, a pesar da posible manipulación dos textos populares ou da variedade de denominacións aplicadas por el, é importantísimo por prestarlles atención e por preocuparse de intercambiar os seus coñecementos e solicitar colaboracións para o Boletín da Real Academia Galega sobre o tema”, valorou.

Comentarios