A Ukestra do Medio celebra a Candeloria e o Día do Ukelele

O vindeiro día 16 de febreiro, a Ukestra do Medio estará tocando en directo no Club Clavicémbalo de Lugo.

A Ukestra do Medio
photo_camera Ukestra do Medio.

O 2 de febreiro é o Día da Candeloria e o Día Internacional do Ukelele. Dúas efemérides que a Ukestra do Medio uniu para presentar A Candelória, o seu novo single. Un tema alegre de preludio á primavera que é tamén un adianto do seu próximo disco. 

Ukebaixo, uke barítono, uke tenor, uke de concerto e uke soprano son os cinco tipos de ukeleles que xunto ao cajón, a pandeireta e as voces conforman a sonoridade deste novo tema dedicado á Candeloria. Unha festa, coñecida tamén como Día das Candeas, que na súa orixe pagá rendía culto á fertilidade. Hoxe a celebración segue viva en toda a Galiza e conta cun nutrido repertorio de refráns populares: “Cando a Candelória chora, medio inverno vai fora; que chore, que deixe de chorar, a metade do inverno está por pasar”. 

Día Internacional do Ukelele

Casualmente, o 2 de febreiro de 2011 foi instaurado o Día Internacional do Ukulele por Mike Lynch (Ukulele Mike), profesor e divulgador deste pequeno instrumento creado na década de 1880 en Hawai a partir do cavaquinho portugués. Este día os amantes do ukelele animan a todo o mundo a sacar o instrumento das fundas para celebrar a xornada en calquera espazo. 

O single A Candelória foi gravado por Xurxo Pinheiro no Laboratório Soyuz e conta cun vídeo asinado por Coral Piñero. O tema é o primeiro adianto do próximo disco da Ukestra do Medio, un traballo que aínda está en pleno proceso creativo e que a banda de Compostela ten previsto gravar ao longo deste ano 2024. 

O vindeiro día 16 de febreiro, a Ukestra do Medio estará tocando en directo no Club Clavicémbalo de Lugo.  

Comentarios