A Candeloria, a celebración cristianizada que mantivo o seu carácter popular

A data marca como serán os días que aínda quedan de inverno.
A actividade das aves nesta data axudou a crear unha tradición que se fixo moi popular na Galiza (Néboa Medioambiente).
photo_camera A actividade das aves nesta data axudou a crear unha tradición que se fixo moi popular na Galiza (Néboa Medioambiente).

A Galiza é rica en tradicións que se manteñen no tempo. No extenso calendario de celebracións anuais no país unha das datas máis sinaladas é o 2 de febreiro, Día da Candeloria ou tamén denominado Día das Candeas.

A súa orixe foi estudada como parte de cultos anteriores á chegada do cristianismo e relacionada con unha das catro grandes festividades do ano celta: o Imbolc. O seu significado ten a ver co preludio do cambio de estación e a importancia que ten este suceso para a economía rural. Coñecido popularmente como o día 'en que casan os paxariños', sinala a relevancia do apareamento en todo tipo de animais para o bo funcionamento do mundo agrario galego.

Cristianización dun rito 

A Igrexa non dubidou en integrar o seu culto xa desde o inicio, igual que fixo co resto de ritos que atopaba en territorios nos que se foi introducindo. Neste caso relacionouno coa Purificación da Virxe María e coa luz que cada vez estará máis presente na xornada de traballo. Lémbrao o arqueólogo galego Felipe-Senén, que sinalaba para Nós Diario que "a figura de Santa Bríxida (alter ego da deusa celta do lume) asóciase coas candeas, coa luz que brota entre a brétema da invernía, celebrada cada 1 de febreiro, na véspera da Candeloria cristiá". 

O propio Senén apunta que xa no século IV a galega viaxeira Exeria fala da Festa das Candeas en Xerusalén, que di ser tan celebrada como a mesma Pascua, ao cabo dos corenta días despois do nacemento". Era a "conmemoración da presentación do neno no templo ante os sacerdotes e a sociedade: ofrecíase un año, unha pombiña, unha rula e dous pombos". Desta adaptación xurdiu o costume de bendicir as candeas na misa que se realiza neste día, candeas que logo se gardan na casa como protección contra o mal tempo.

Na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, en Compostela, realizábase unha misa na que casaban dúas pombas, que se ceibaban ao rematar. 

Do refraneiro popular ao Día dos namorados

A data e o que simboliza está moi representada no refraneiro popular galego. Unha gran parte apunta á importancia do apareamento facendo protagonistas os paxaros ("Pola Candeloria cásanse os paxariños e vaise a galiñola") relaciónao de maneira directa co cambio meteorolóxico ("Cando a Candeloria chora a metade do inverno está fóra; se chora ou ri, o inverno está por vir, e se chora ou fai vento, inda o inverno está dentro" ou "O día da Candeloria, si chora ou venta, inverno entra. E si non venta nin chora, inverno fóra") ou coa preparación dos froitos do campo ("Se queres ter abellas mira por elas nas Candeas, e se queres ter mel mira polo san Miguel"). 

Nos últimos anos tamén se está a reivindicar en certos sectores esta data, polo seu significado e tradición, como o Día dos Namorados na Galiza

A idea parte de buscar outra celebración diferente á que instaurou a Igrexa no día 14 de febreiro co San Valentín a partir de finais do século V e que se estendeu por toda Europa. Esa mesma tradición é a que levou a emigración aos Estados Unidos de América situándoa como unha data importante no calendario comercial.

Unha celebración que se emprega para predicir o tempo

O tempo que vaia o día da Candeloria ten un significado especial. Non é unha casualidade, a data está conectada cos traballos agrícolas das sementeiras e cos do mar en relación á pesca, xa que marca o comezo idóneo para a navegación unha vez pasada a tempada invernal. As xornadas de luz son máis longas e o traballo máis produtivo.

Ollar o tempo ese día, segundo a tradición, marca a continuidade do inverno ou o seu remate (segundo chovera ou non). Noutras zonas de Europa, como é o caso dos Pireneos, había o costume de seguir os pasos de determinados animais, como o oso, que debían rematar o seu proceso de invernar. A máis coñecido, se cadra, é a tradición que levaron emigrantes de Alemaña aos Estados Unidos de América empregando como animal unha marmota.

Comentarios