Contracultura

Noel Turbulencias: "O último verán foi incríbel, bandas galegas que deberían ser emerxentes volvéronse masivas"

Noel Turbulencias (A Coruña, 1984) vén de iniciar un crowdfunding para lanzar o proxecto 'Galicia MusiCalidade: Unha terra feita de acordes', un libro ilustrado sobre a música contemporánea galega e as súas influencias anteriores.
O coruñés Noel Miguélez, coñecido como Noel Turbulencias. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O coruñés Noel Miguélez, coñecido como Noel Turbulencias. (Foto: Nós Diario)

—Que o levou a escribir Galicia MusiCalidade: Unha terra feita de acordes?
O proxecto xurdiu dunha maneira moi casual. Eu mercara o libro Murcia loves indie (Calblanque, 2022), editado por Victoria Sánchez, e falando con ela dunha maneira completamente casual, porque non a coñecía de nada, comenteille que era unha mágoa que non existira algo así noutros lugares, por exemplo na Galiza. A nosa é unha comunidade na que hai moitísima literatura sobre a música, pero hai menos se falamos de literatura accesíbel para o público xeral e non tanto unha pensada para especialistas. Ademais, parecíame moi bonito deixar por escrito este momento tan bonito que está a vivir a música galega nestes momentos.

O verán de 2023 foi incríbel: bandas que deberían ser emerxentes como Fillas de Cassandra, The Rapants ou incluso Grande Amore volvéronse practicamente masivas. Algo nada habitual para un proxecto que acaba de comezar. E así, Victoria díxome que podíamos facelo nós. Unha cousa levou a outra e agora, un ano despois, temos un libro a piques de entrar xa na imprenta.

—Por que optaron polo método do crowdfunding?
Este proxecto é un libro de alta calidade, dun tamaño considerábel, a toda cor... Importábanos moito a calidade, polo que é un libro moi caro de facer. De feito, o libro ten un tamaño vinilo porque queremos que sexa accesíbel tanto para crianzas como para persoas adultas. Evidentemente hai matices do texto que non son para crianzas, mais é un libro que poden coller para achegarse a toda esta música a través dos códigos QR que levan as páxinas. E tamén pensamos nas persoas maiores, quizais coa vista cansa, de maneira que é un libro cómodo para elas tamén.

Nós estamos a facer o investimento total, así que esta era unha maneira de non comezar nuns números vermellos tan gordos. A propia figura do micromecenado é tamén unha campaña de comunicación e unha forma de dar a coñecer o proxecto que estamos a facer. Polo momento estamos moi contentos coa acollida que está recibindo porque na primeira semana xa recadáramos 33% dos cartos necesarios. Hai que seguir facendo moita campaña de redes, mais podemos dicir que avanza a bo paso.

—O libro está centrado en artistas actuais, mais tamén fai referencias a épocas anteriores da música galega.
A medida que iamos escribindo e falando do contexto no que nace todo isto, pareceume imprescindíbel falar de Luz Casal, Los Suaves e do rock bravú porque teñen as súas pegadas no futuro. O rock bravú é necesario para que aparezan Ataque Escampe ou The Rapants. Todo ten unha conexión. Por iso, hai unha parte do libro que dá este contexto, que ten máis textos narrativos, e a outra parte é a que aborda artistas actuais.

Nesta segunda parte o texto é diferente: fago unha pequena introdución, recollo curiosidades, recomendo os traballos polos que comezar a escoitar e conto algunha anécdota que me narraram as propias artistas ou que puiden recoller no proceso de documentación. A través destas historias, as artistas vólvense máis humanas, máis divertidas.

—Como foi a selección de artistas?
O certo é que a selección foi moi complicada porque por temas de orzamento e loxística tiñamos un límite de páxinas, mais unha cousa que sempre me gusta salientar é a cantidade de artistas femininas que hai. Persoalmente, tanto na radio como nas miñas redes, tento ter perspectiva de xénero e que haxa paridade á hora de falar de artistas musicais.

No caso deste libro, deime de conta de que esta paridade xa existía practicamente desde o primeiro momento e case sen ter que buscala activamente. Vivimos nun territorio con artistas femininas con moitísima personalidade e que son de referencia como Mercedes Peón, Sés, Tanxugueiras, Woyza... E pasa en moi poucas comunidades, especialmente o feito de que artistas masculinos consideren artistas femininas como músicas de referencia.

Comentarios