Tanxugueiras, á final do Festival de Benidorm coa segunda maior puntuación

As galegas recibiron unha sonora ovación cando se anunciou o voto demoscópico. Salvador Sobral, gañador de Eurovisión en 2017, dixo após actuar no interludio: "Eu vou coas galegas".
As Tanxugueiras, nun momento da súa actuación na primeira semifinal do Festival de Benidorm, cando quedaron ás portas da vitoria. (Foto: Rocío Cibes)
photo_camera As Tanxugueiras, nun momento da súa actuación na primeira semifinal do Festival de Benidorm (Foto: RTVE).

As Tanxugueiras debutaron no Festival de Benidorm partindo como favoritas, segundo unha enquisa publicada horas antes do inicio do certame por Electomanía que daba ás galegas 42,2% dos apoios de todo o Estado español, con máis de dez puntos de diferenza coa seguinte mellor valorada, Rigoberta Bandini (29,9%).

E desde a propia presentación do tema co que participan, 'Terra', recibiron unha resposta moi positiva: máis de medio millón de reproducións nas primeiras 24 horas en que se publicou. "Para nós, estar aquí xa é unha vitoria", dixeron antes de entrar no escenario.

A banda alicantina de indie-pop Varry Brava deu comezo á gala co seu tema 'Raffaella', unha alegre homenaxe á artista italiana Raffaella Carrà, finada o pasado verán. En segundo lugar actuaron as veteranas Azúcar Moreno, que obtiveron a 5ª posición en Eurovisión 1990, co flamenco de 'Postureo'.

A ilicitana Blanca Paloma presentou no escenario 'Secreto de agua', un canto, segundo explica a propia artista, ás voces oprimidas. Unique, unha boyband de estilo pop, competiu coa canción 'Mellores'.

E a quinta foi a quenda do trío que conforman as irmás Sabela e Olaia Maneiro e máis Aida Tarrío. Cunha posta en escena impecábel, presentaron no certame un estilo propio que mestura o canto e o baile tradicionais con outros sons máis modernos.

E, finalmente, Chanel participou no Festival de Benidorm coa canción de reguetón 'Slomo'.

Unha vez rematadas as actuacións e abertas as liñas telefónicas para o voto por SMS ou chamada, o vencedor de Eurovisión en 2017, o portugués Salvador Sobral, interpretou o seu tema 'Fui ver meu amor' (2021) e, antes de abandonar o escenario, dixo: "Eu vou coas galegas".

Voto do xurado

O xurado profesional votou maioritariamente Chanel (55 puntos), con outros 41 para Blanca Paloma, 39 para Azúcar Moreno e Varry Brava, 38 para Tanxugueiras e 28 para Unique.

O voto demoscópico, pola contra, deu ás Tanxugueiras a segunda maior puntuación (25), co que conseguiron escalar postos na clasificación.

As galegas recibiron unha sonora ovación cando se anunciou o voto demoscópico. Pola contra, o voto outorgado polo xurado profesional desatou os apupos do público alá presente.

Após sumar o televoto —chamadas e SMS—, no que Tanxugueiras obtivo 30 puntos, o resultado foi o seguinte: Chanel (110), Tanxugueiras (93), Blanca Paloma (79), Varry Brava (74), Azúcar Moreno (69) e Unique (55).

Comentarios