Tripla estrea da obra 'Schattenhaft', de Gómez-Chao, a cargo da Real Filharmonía

A obra Schattenhaft foi composta por encargo da Real Filharmonía de Galiza a Gómez-Chao, quen a escribiu durante a súa estadía como compositor residente da Real Academia Española en Roma durante o pasado ano.

O compositor Hugo Gómez-Chao. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O compositor Hugo Gómez-Chao. (Foto: Nós Diario)

A Real Filharmonía de Galiza ofrece esta semana tres novos concertos da súa temporada "Migracións" que levarán por nome O son que latexa. Os concertos terán lugar en Vigo, Santiago e Ferrol e neles estrearase unha obra encargada pola propia orquestra ao compositor galego Hugo Gómez-Chao, titulada Schattenhaft

O programa do evento inclúe esta composición, así como o Idilio de Sigfrido, de Richard Wagner, e a Sinfonía núm. 3 "Singulière", de Franz Berwald. Interpretaranse o día 22 no Teatro Afundación de Vigo (20 horas), o 23 no Auditorio de Galiza, en Santiago de Compostela (20. 30 horas) e o 24 no Auditorio de Ferrol (20. 30 horas). 

O mestre Baldur Brönnimann, director titular e artístico da Real Filharmonía, serán quen leve a batuta neste evento. Antes do concerto do Auditorio de Galiza, ás 19.45 horas, tanto Baldur como Hugo Gómez-Chao dialogarán cos asistentes nunha nova cita do ciclo "Conversando con...". 

A obra de Hugo Gómez-Chao, Schattenhaft desenvólvese nunha atmosfera intimista que traslada o universo poético dos corpos en resonancia ao mundo dos sons, xogando coa idea da ausencia, da presenza e da lembranza. 

O compositor e a súa obra 

Gómez-Chao estudou composición con David del Puerto no Centro Superior de Música Katarina Gurska de Madrid e, posteriormente, realizou estudos de máster con Beat Furrer na Kunstuvniversität de Graz (Austria) e Ramón Lazkano no Musikene de San Sebastián. Ademais, foi galardoado con premios como o Primeiro Premio de Compositores Mozos da Fundación SGAE-CNDM "Xabier Montsalvatge" e a mención de honra do Colexio de España en París. 

A obra Schattenhaft foi composta por encargo da Real Filharmonía de Galiza a Gómez-Chao, quen a escribiu durante a súa estadía como compositor residente da Real Academia Española en Roma durante o pasado ano.

Comentarios