Contracultura

Hugo Gómez-Chao: "A música contemporánea vive un momento fantástico, con compositoras incríbeis"

O compositor Hugo Gómez-Chao foi seleccionado para realizar unha residencia artística na Real Academia Española en Roma. Estas residencias, que contan cun enorme prestixio internacional, permitiranlle a Gómez-Chao traballar nun único proxecto durante un ano enteiro até a súa presentación en 2023. O compositor adianta a Nós Diario algunhas das ideas que levará a cabo durante a súa estadía nas residencias. Ademais, Gómez-Chao tamén aborda o festival Resis de música contemporánea, do que é fundador e director.
O compositor Hugo Gómez-Chao. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O compositor e director do festival Resis de música contemporánea, Hugo Gómez-Chao. (Foto: Nós Diario)

—Como recibiu a noticia de que fora seleccionado para participar nestas residencias artísticas en Roma?
Moi contento e agradecido. Poder participar nas residencias da Real Academia Española en Roma é todo un recoñecemento ao traballo realizado nestes últimos anos e unha oportunidade fantástica para o meu labor como compositor, polo que lle agradezo ao tribunal e ao padroado da Academia por confiar no meu proxecto. Nestas residencias vou poder centrarme nun único proxecto durante un ano e traballar con calma, algo pouco común no mundo no que vivimos, cheo de présas e de encargos. 

—Que pode adiantar deste novo proxecto?
A obra aínda non está composta, pois aínda se estreará en xuño de 2023, mais xa teño algunha idea. Non podo contar demasiado pero a proposta consiste nun proxecto a grande escala no que se traballarán diferentes textos de diferentes autores e en diferentes linguas. Pretendo centrarme na palabra, tanto falada como cantada. Interésame estudar a redacción en cada lingua e tamén a percepción de cada unha delas a través dos textos. Resulta un obxectivo ambicioso e longo pois levará moito tempo afondar nos escritos seleccionados, pero coido que o resultado final da obra será moi interesante.

—Ten algún rito ou unha serie de pasos que habitúa seguir nas súas composicións?
Esta obra seguirá o camiño que xa desenvolvín en pezas anteriores. Se ben, ao tratarse dun proxecto no que teño tempo para afondar e traballar con calma, os procesos serán diferentes aos de obras anteriores. A duración da obra será maior e poderei dedicar máis tempo a pensar no desenvolvemento do material musical e noutras moitas cuestións como a densidade instrumental, as secuencias harmónicas, os ritmos, etc. Neste proxecto vou poder centrarme en cada son, en cada material, o que resulta moi interesante e fundamental no proceso compositivo.

Leva moito tempo deterse a imaxinar sobre o que debe soar e como debe soar. É unha cuestión case dramática. A composición non só consiste en elixir as notas, senón tamén o instrumento, a técnica, o rexistro, a dinámica... É todo un proceso moi longo. Eu podo dedicarlle horas a pensar sobre que quero plasmar no papel. 

—Ademais de compositor tamén é director do festival Resis de música contemporánea.
Despois de cinco anos xa contamos cun público moi fiel que medra en cada edición. Coido que o Resis é un lugar de encontro moi importante na Galiza e resulta unha oportunidade estupenda para presentar grades intérpretes e figuras da composición actual.

A música contemporánea está configurada por moitas músicas distintas, depende do compositor, da técnica... Creo que durante moitos anos resultou unha música minoritaria que non formaba parte das programacións institucionais. Con todo, agora vivimos un momento fantástico. Existen persoas compositoras incríbeis na Galiza, e diferentes grupos con estilos distintos. Este ano, as programacións de música contemporánea aumentaron e alégrome moito de que todas as persoas que traballan arredor dela poidan compartir e difundir a súa música.

É habitual pensar que a música contemporánea, experimental ou de vangarda é a gran marxinada, mais, pouco a pouco, coido que as institucións se están a decatar de que resulta un elemento moi importante da nosa cultura. A cultura do país mídese en gran medida polos seus artistas, e na Galiza hai moita xente cun gran nivel. Cómpre apoiar este tipo de música.

Comentarios