"Autobiografía dialogada" da compañía

Trinta e cinco anos do teatro de Chévere nun só volume

Esta cuarta feira presentouse en Santiago Chévere, un libro que resume, en forma de autobiografía dialogada, a historia da compañía. Máis de tres décadas de creación artística que tamén o foron de contestación e debate político, de resistencia ante unha visión da cultura, a do fraguismo, que se afastaba da experiencia da cidadanía para render culto aos grandes fastos e ao esquecemento da realidade galega.

MIguel de Lira na presentación de 'Chévere. Trinta e cinco anos de axitación cultural'. (Foto: Kalandraka)
photo_camera MIguel de Lira, esta cuarta feira, na presentación de 'Chévere. Trinta e cinco anos de axitación cultural'. (Foto: Kalandraka)

Trinta e cinco anos de axitación cultural é o subtítulo do volume que, ao longo de 300 páxinas, resume e recrea a traxectoria da que sen dúbida é, na actualidade, a referencia teatral máis importante da Galiza. Unha axitación que comezou a finais da década de 1980. O teatro galego —cuxa orixe estaba no movemento do teatro independente dos anos 60— trataba de poñerse serio para lexitimarse nas institucións. Entrementres, os estudantes dun obradoiro guiado por John Eastham e Miguel de Lira para o alumnado da Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo representaban na rúa un espectáculo que titularon Servizo discrecional e que obtivo unha grande aceptación por parte do estudantado compostelán. Aínda non tiña nome, mais Chévere acababa de nacer.  

Aqueles mozos irreverentes foron acumulando espectáculos e experiencia, alternando a rúa cos teatros e auditorios, até que en 1990 chegou Río Bravo, un musical que facía risas cos tópicos do western e que xa ocupa un lugar de seu na historia do teatro galego. Máis de duascentas representacións e varias reposicións así o avalan. 

En 1992 abrirían a Sala Nasa, un viveiro de transgresión social e política que veu nacer e crecer a artistas de toda clase —"un reduto de liberdade total contra o discurso único do Xacobeo", tal e como o definían eles—, e que tivo que pelexar case desde o seu nacemento cunhas autoridades ás que sempre lles resultou incómoda a disidencia de calquera clase. 

E coa sala Nasa naceron tamén as Ultranoites, un xénero de variedades polo que pasou unha lista de intérpretes tan abraiante que calquera intento de enumeración exhaustiva estaría abocado ao fracaso: Roberto Vidal Bolaño, Luís Tosar, Narf, Quico Cadaval, Carlos Blanco, Mofa e Befa... 

A carreira de Chévere ía medrando en espectáculos cada vez máis ambiciosos e que exploraban campos cada vez máis amplos: a ópera portatil Annus Horribilis, o teatro radiófónico de Radio Universo e mesmo un espectáculo feito a bordo dunha goleta do século XIX  que homenaxeaba Valle Inclán. 

A irreverencia da compañía seguía sendo un baluarte de resistencia contra a cultura oficial do fraguismo e, cando a catástrofe do Prestige asolou a costa galega, a Nasa pasou a ter un lugar protagonista nas protestas de Nunca Máis contra a (falta de) xestión da marea negra. Pasou o fraguismo e o bipartito PSOE-BNG chegou ao poder, a cultura comezou a ter un lugar nas políticas da Xunta, e a compañía iniciou un proceso de profesionalización que lle permitiu resistir máis tarde, en 2011, cando a Nasa foi pechada grazas aos desvelos do alcalde do PP Gerardo Conde Roa, posteriormente condenado por fraude fiscal. 

Se cadra, é a partir de entón cando a compañía comeza a dar o mellor de si mesma: encadénanse os grandes éxitos a nivel nacional e estatal (Citizen, Eurozone, Eroski Paraíso, Divinas Palabras Revolution, Curva España) e chegan os recoñecementos., que desembocan no Premio Nacional de Teatro do Ministerio de Cultura. Non recibiron felicitación da Xunta da Galiza. 

Chévere -cuxos compoñentes se declararon perplexos ante a concesión do galardón- invistiu o diñeiro do premio na Berberecheira, unha plataforma que financia e apoia artisticamente proxectos que tiñan pouca cabida nas carteleiras do país. 

Estes días, Chévere celebra o seu 35º aniversario cun Desembarco que recupera algúns dos seus espectáculos ademais de ofrecerlle ao público unha exposición e unha novela gráfica sobre a historia da Sala Nasa e de dar ao prelo o libro que onte se presentou na libraría Couceiro de Santiago. 

Unha crónica da Galiza das últimas décadas

Chévere. Trinta e cinco anos de axitación cultural, editado por Kalandraka -que comezou en 2018 a publicar os textos da compañía nunha colección na que xa se poden atopar Río Bravo, Cítizen ou Eroski Paraíso entre outras-, recolle ao longo de trescentas páxinas todo esta traxectoria nas voces de Miguel de Lira, Xesús Ron, Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés, os compoñentes máis estábeis da compañía. 

Grazas a un concepto do teatro e da cultura que se alicerza no popular, o libro pode lerse tamén como unha crónica cultural, social e política da Galiza das últimas décadas, na que se comproban as grandes transformacións que tiveron lugar: desde a efervescencia da década de 1980 até a "ditadura xacobea" dos grandes eventos, desde a construción da Cidade da Cultura até o nacemento dun teatro alternativo que leva até a primeira liña unha creación feita desde as marxes.

O libro conta cun amplo e variado apartado gráfico con fotografías, imaxes de carteis e programas, documentación técnica e inclúe un epílogo escrito polo director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual. 

E ademais mostra que, talvez, o maior logro de Chévere foi converterse nunha compañía de referencia sen perder nin un chisco do seu poder corrosivo e da súa ironía crítica. Seica desta vez a Xunta tampouco os felicitou. 

Comentarios