DIN QUE ACEPTAR O GALARDÓN NON É SER "COMPRACENTE CO PODER"

Chévere recollerá o Premio Nacional de Teatro

A compañía Chévere recollerá o Premio Nacional de Teatro, concedido polo Ministerio de Cultura. Afirman que non supón ser “compracente co poder”. 

eurozone
photo_camera eurozone

“Recibimos o premio co orgullo do que non ten nada que perder. Chévere non é compracente co poder, e non o será desta volta aínda que acepte o premio”, explican desde a compañía nun comunicado emitido poucas horas despois de se saber a noticia da concesión e publicado na súa páxina.. A aclaración toma maior forza nunha convocatoria na que se produciron dúas renuncias a recoller os galardóns do Ministerio de Cultura por desacordo coa súa política cultural, a do músico Jordi Savall que rexeitou o Premio Nacional de Música e a de Colita, que se negou a recoller o de Fotografía. 

“Nos últimos anos o noso traballo no escenario quixo ser unha prolongación dese berro xurdido nas prazas galegas arredor de Nunca Máis e en moitas outras prazas españolas en 2011 arredor do 15M. Un teatro feito ao pé da realidade, coas orellas moi abertas e combativo”, sinalan nun comunicado no que poñen un interrogante ao “nacional” dos premios. Definen, tamén, a súa idea de teatro como “ un foro público, unha arte visceral que acontece a partir do roce, do contacto e da fricción entre as persoas”. 

Premio ao teatro galego 

Consideran, desde Chévere que, canda eles, resultan recoñecidos con este premio todas as persoas que colaboraron coa compañía nos 27 anos de actividade, ao teatro feito en grupo e “por que non? Ao teatro feito en Galicia, que é o mesmo que dicir ao teatro feito en galego. Ao teatro que resiste en Galicia mentres o poder político desmantela o sistema cultural galego coa coartada da austeridade, a ese teatro galego que resiste fronte á indiferenza do poder económico e financeiro. A ese teatro galego que resiste fronte á mirada cómplice de milleiros de persoas que seguen asistindo e participando do feito teatral en calquera vila e cidade de Galicia”. 

Lembran tamén desde Chévere que tiveron que abandonar Santiago despois de ter aberta durante vinte anos a sala Nasa e agradecen ao concello de Teo telos acollido cando “outros nos ameazaban e expulsaban da súa cidade”. 

Axenda completa

Os Chévere teñen estes días unha completa axenda de noticias e actuacións. O día 30 o documentario A viaxe dos Chévere de Alfonso Zarauza pechará o Festival Cineuropa de Compostela, cidade á que volverán con Eurozone os días 10 e 11 de decembro, despois de recalar en Vigo o 28 de Novembro. As fillas bravas,  o seu novo espectáculo con personaxes femininas, ten tamén axenda nestes días.

No marco do Culturgal, os Chévere presentarán o libro-Cd “Máis alá da Ultranoite (crónica canalla do cambio de milenio (1993/2013)", música e historia do famoso formato de cabaret colectivos que eran a marca da nave de San Lourenzo en Compostela. 

Comentarios