Cinema

'Todo á vez en todas partes', gran triunfadora duns Oscar nos que 'The Quiet Girl', rodada en gaélico, queda sen premio

O filme de Kwan e Scheinert fíxose con sete de once galardóns, entre eles o de Mellor Actriz Protagonista, para a malaia Michelle Yeoh.
Michelle Yeoh tornou na primeira muller asiática en gañar o Oscar a Mellor Actriz Protagonista por 'Todo á vez en todas partes'. (Foto: A24)
photo_camera Michelle Yeoh tornou na primeira muller asiática en gañar o Oscar a Mellor Actriz Protagonista por 'Todo á vez en todas partes'. (Foto: A24)

Todo á vez en todas partes, a tolemia multiversal dos 'Daniels', Daniel Kwan e Daniel Scheinert, erixiuse como gran triunfadora na 95ª edición dos Premios Oscar ao facerse con sete dos once galardóns aos que concorría, entre eles o de Mellor Película e Mellor Dirección. Fíxoo nunha gala na que Brendan Fraser foi elixido Mellor Actor por A Balea e na que algunhas das grandes favoritas, como Almas en pena de Inisherin (9 nomeamentos), Elvis (8 nomeamentos) ou Os Fabelman (7), foron as grandes derrotadas e marcharon de baleiro.

"Din que estas cousas só poden pasar nas películas e non podo crer que me estea sucedendo a min. Este é o verdadeiro soño americano [...], e a todos os que estades aí: Seguide soñando!", proclamou Ke Huy Quan que gañou o Oscar ao Mellor Actor de Elenco e levantou a primeira das sete figuras que coroarían Todo á vez en todas partes como gañadora absoluta da noite.

Un discurso no que, de igual forma que a súa compañeira Jamie Lee Curtis, premiada tamén como Mellor Actriz de Elenco, dedicou o premio á súa familia. "Papá, mamá... acabo de gañar un Oscar", afirmou emocionada Curtis após lembrar que os seus pais, Janet Leigh e Tony Curtis, estiveron nomeados ao galardón mais non o lograron.

Michelle Yeoh, primeira asiática en lograr o premio a Mellor Actriz Protagonista: "Esta é a proba de que se pode soñar ao grande e de que os soños tamén se fan realidade"

Tamén lembrou a súa nai, e a todas as nais do mundo, ás que definiu como "auténticas superheroínas", Michelle Yeoh, que se alzou co Oscar á Mellor Actriz Protagonista e tornou así na primeira intérprete asiática en conseguir o galardón. "Este premio vai para todos os nenos e nenas que se parecen a min e que están a ver agora a televisión. Esta é a proba de que se pode soñar ao grande e de que os soños tamén se fan realidade. E, mozas, non deixedes nunca que ninguén vos diga que se vos pasou o arroz", exclamou a protagonista de Todo á vez en todas partes, que, alén dos tres premios interpretativos, levou os Oscar a Mellor Guión Orixinal, Mellor Montaxe, Mellor Dirección e Mellor Película.

A outra triunfadora da sobria gala conducida por Jimmy Kimmell foi Sen novidade na fronte, a película alemá dirixida por Edward Berger que partía como unha das favoritas con nove candidaturas e finalmente levou catro premios: Mellor Fotografía, para James Friend; Mellor Deseño de Produción, para Christian M. Goldbeck e Ernestine Hipper; Mellor Banda Sonora, para Volker Bertelmann, e Mellor Película Internacional. Un galardón, este último, no que se impuxo a Close (Bélxica), de Lukas DhontThe Quiet Girl (Irlanda), de Colm Bairéad; EO (Polonia), de Jerzy Skolimowski, e Arxentina, 1985, cinta dirixida por Santiago Mitre e protagonizada por Ricardo Darín que se alzara co Globo de Ouro a Mellor Película de fala non inglesa.

Outro dos triunfadores no Kodak Theatre foi Guillermo del Toro, que con Pinocho, unha versión en 'stop-motion' do clásico de Carlo Collodi, alzouse co premio á Mellor Película de Animación impóndose a Rede, de Pixar; O gato con botas: O último desexo, de Dreamworks; O monstro mariño, de Netflix, e Marcel a Cuncha cos Zapatos Postos, de Universal, tamén coa técnica 'stop-motion'. "A animación é cinema, non é un xénero só para nenos, é un medio e está lista para chegar ao seguinte nivel. Manteñamos a animación dentro da conversa", afirmou o mexicano ao recoller un premio que dedicou á súa muller, os seus fillos e os seus pais.

Guillermo del Toro leva o premio Oscar de animación por 'Pinocho': "Non é un xénero só para nenos, é un medio e está lista para chegar ao seguinte nivel"

O Pinocho de Guillermo del Toro culmina así a súa triunfal carreira nunha tempada de premios na que, entre outros galardóns, venceu na súa categoría no BAFTA británico, os Critics Choice ou os Globos de Ouro. Aliás, o filme logrou cinco premios Annie, os denominados Oscar do mundo da animación. Este é o primeiro Oscar na categoría de Mellor Película de Animación para unha produción de Netflix e o terceiro galardón para Del Toro, que xa se erixiu como gran triunfador da edición de 2018 con A forma da auga, cinta coa que logrou o premio a Mellor Película e Mellor Dirección.

Outros gañadores e gañadoras na gala foron Sarah Polley, que levou o Oscar ao Mellor Guión Adaptado polo libreto de Elas falan, drama baseado na novela de Miriam Toews; Mark Weingarten, James Mather, Al Nelson, Chris Burdon e Mark Taylor, que outorgaron a Top Gun: Maverick o seu único Oscar na categoría de Mellor Son, e Ruth E. Carter, que foi recoñecida co premio ao Mellor Deseño de Vestiario por Black Panther: Wakanda Forever.

O premio ao mellor documental foi para Navalny, filme dirixido por Daniel Roher centrado no líder da oposición ao presidente da Federación Rusa, Vladimir Putin. Ademais, o Oscar á Mellor Canción Orixinal foi para para Naatu Naatu, tema da película RRR composto por M.M. Keeravaani e Chandrabose.

Comentarios