Cinema

Gaélico nos Oscars de Hollywood

'The Quiet Girl', con clara presenza e proxección do irlandés, compite na categoría de mellor película estranxeira na gala dos Oscar e ademais parece ter namorado ao público español como a súa favorita.
Fotograma de 'The Quiet Girl'.
photo_camera Fotograma de 'The Quiet Girl'.

Dúas interesantes noticias para as linguas ameazadas no camiño da súa revitalización. Unha, a introdución do idioma irlandés, como elemento central no discurso que transmite Colm Bairéad na adaptación da novela Foster para o filme The Quiet Girl. E outra a admiración que provocou a película no público español, porque se cadra serve para empatizar co valor de linguas como o galego.

O papel que ten gaélico-irlandés na formalización da proposta cinematográfica non estaba inicialmente na novela Foster de Claire Keega, que inspira o filme. Esta historia de Keega, declarada como o mellor do ano tras a súa publicación no New Yorker, converteuse en 2010 en libro. Mais non sería ata 2018 cando Bairéad, escritor alén de realizador, leu a novela e inmediatamente parece que pensou na súa adaptación ao cinema. A partir deste momento iniciou a creación da que sería a súa primeira longametraxe.

En diversos medios, entrevistas e artigos sinalan que resulta especialmente relevante a cuestión da lingua no filme porque é unha das claves coas que se traballa a partir da novela. Coméntanos que o pai de Cáit fala en inglés mentres as demais personaxes acostuman a facelo en gaélico. Colm ten manifestado publicamente o seu interese por reivindicar unha lingua minoritaria que xunto co inglés falan na súa casa paterna, un bilingüismo que el mesmo di que practica no seu fogar coa súa esposa, Cleona Ni, implicada no filme e produtora do mesmo.

Sen dúbida, este é un espello no que podemos mirarnos desde Galiza, coa ollada posta nos Oscar da Academia da Hollywood ou en calquera outra meca do cinema e da creatividade que estea por vir. O filme é unha sorpresa a todos os niveis para as amantes do cinema e de todas as historias cotiás que encerran moito máis do que parece dentro de si. Creacións que trasladan lendas de identidade, amor pola terra e polos nosos, con todas as complicacións, silencios, sufrimentos, loitas e alegrías que as vidas encerran.

Cáit representa a esperanza de idiomas tan castigados e con escasas falantes como o irlandés ou o galego en zonas como o Morrazo, Ferrolterra, Vigo ou Coruña

Colm transmítenos que no filme tocou todas as áreas que lle preocupan: cuestións presentes na súa obra teatral como a complexidade dos lazos de familia, o fenómeno do duelo e a súa capacidade para moldear ás persoas. E desde logo que o consegue, conectando con moitos públicos mais penso que cun público galego por suposto, nesa realidade diglósica que tanto lembra á nosa, co uso do inglés dos anuncios publicitarios ou do pai biolóxico da protagonista. Pola contra está Cáit, todo un símbolo, a nena protagonista de nove anos que fala gaélico. Cáit representa a esperanza de idiomas tan castigados e con escasas falantes como o irlandés ou o galego en zonas como o Morrazo, Ferrolterra, Vigo ou Coruña. Un berro desesperado que reivindica o dereito a ser criada con afecto e valoración. Así berran os nosos idiomas tamén como a propia nenez, para ser postos en valor e apreciados, tal cal os desexos persistentes e necesarios da infancia.

Esta historia envolta en sensibilidade contida, coloca os conflitos lingüísticos no foco desde unha perspectiva serena e reflexiva que nos fai medrar á par de Cáit. O conflito lingüístico tamén se proxecta nas contradicións rural urbano duns anos 80 da industrialización fracasada que non soubo ir polo camiño da sostibilidade reclamada hoxe. O filme é, en definitiva, un exercicio de dignificación do propio en diálogo coas necesidades da infancia e da terra nesa repetida preocupación pola falta de chuvia. Un exercicio de afecto sobre o medio, coas linguas e coas persoas coas que o compartimos o territorio e a natureza. Unha visión actual sobre o pasado que estremece para camiñar cara un mundo máis humano e sostíbel no que poderiamos vivir.

Comentarios