Tiruleque: "Conservamos o noso signo de identificación, mais fomos introducindo ukeleles e cumbia"

A banda coruñesa Tiruleque está de aniversario. Leva 20 anos facendo bailar con actuacións en escenarios, foliadas e romarías, coa súa fusión a medio camiño entre o tradicional e a creación propia. Tres traballos discográficos conservan o seu son e agora contarán cun recompilatorio. Nós Diario achégase á súa traxectoria en conversa con Álex Fente, acordeonista do grupo.
O acordeón de Álex Fente nunha actuación da formación Tiruleque (Foto: Ángel Manso).
photo_camera O acordeón de Álex Fente nunha actuación da formación Tiruleque (Foto: Ángel Manso).

Cando se iniciou esta aventura pensou que chegaría tan lonxe?

Nun principio, sempre que se comeza algo, non se pon a vista tan a longo prazo. Pensabamos en pasalo ben no momento. No noso caso eramos cinco amigos que coincidiamos nas aulas de gaita da asociación Xacarandaina da Coruña e queríamos darlle un pouco máis de saída ao estilo de música que nos gustaba.

Experimentar máis alá do que faciamos nas entidades e grupos cos que colaborabamos. A primeira intención era facer festa no momento e, se a xente gostaba, durar outra tempada. E así chegamos ás vinte polo momento! 

Como foi a evolución do grupo desde que naceu hai xa 20 anos?

Como eramos alumnos de gaita tocabamos todos este instrumento. Deunos por probar con outros e deunos por mudar un pouco a tímbrica do grupo. Metemos acordeón, bombo, pito galego e fixemos nun principio un quinteto tradicional. Logo, co tempo, fixemos máis amigos incorporando novos instrumentos como a caixa con pratos, contrabaixo, saxofón, trompeta e mesmo o ukelele

Teñen tres traballos discográficos e agora presentarán un recompilatorio. Son máis de directo que de visitar os estudios de gravación?  

Nacemos no ano 2000 e non sacamos o primeiro traballo discográfico até 2009. Desde o principio o que facemos é tocar en directo pasando por moitos festivais. Cos anos decidimos plasmar nun CD o que faciamos nos escenarios.

Botando contas, xa é tradición en nós sacar un disco cada cinco anos aproximadamente. Loxicamente sempre hai unha evolución de son dun traballo a outro. Nótase a incorporación de novos instrumentos, novas influenzas... aínda que máis ou menos segue a ser o noso son característico. 

Conservamos o noso signo de identificación aínda que metemos algunha cumbia que nos gustaba. A propia música que se recollía tamén tiña ese tipo de influenzas. Temos o exemplo dun home da Mariña que gravaba facendo voces e tiña desde unha muiñeira dedicada ao alcalde até outra para a sala de festas.

E no terceiro traballo xa incluímos un ukelele, coa brincadeira de contar coa influenza indie. Vén sendo o mesmo estilo de música de baile no torreiro. É o combustíbel do que nos nutrimos nós. Para este aniversario pensamos incluír no recompilatorio dous temas novos e inéditos na mesma liña actual que temos.

Como será esta xira que agora comezan para celebrar o aniversario?

Preparamos un repertorio que fará un percorrido por toda a nosa historia musical, mesmo algún que non se incluíra mais xa estaba gravado. Ademais, en agradecemento a toda esa xente que acode aos concertos e axuda a todos os grupos, poremos á venda neses directos unha lámina ilustrada co tamaño dun vinilo asinada por Juanlu Nacha, o deseñador que se encargou da arte gráfica do disco, e que conteñen un código de descarga deste recompilatorio.

Co tempo tamén sairá en plataformas dixitais. A xira comezará o 30 de abril na Sala Garufa da Coruña e continuaremos o 5 de maio na Casa das Crechas de Santiago, o 8 de maio en Canido, en Ferrol, e o 14 de maio no Clavicémbalo de Lugo.

O segredo de Tiruleque está na escolla e composición do seu repertorio?

Escollemos un repertorio que non fora especialmente coñecido mais si que merecese darse a coñecer. Tanto cando facemos temas propios como cando facemos arranxos doutros temas buscamos dar saída ao que nos gustaría escoitar por aí adiante. O éxito da festa é a necesidade que ten a xente de pasalo ben, e agora moito máis.

Comentarios