'The New York Times' nomea unha novela de Manuel Rivas entre as 100 mellores de 2022

Nunha reportaxe publicada polo 'New York Times', a edición en ingles de 'O último día de Terranova' aparece xunto a outros 99 títulos que abarcan temas como a resistencia feminista ou os imperios da Idade Antiga.
Manuel Rivas. (Foto: Arxina)
photo_camera Manuel Rivas. (Foto: Arxina)

O último día de Terranova, novela do escritor coruñés Manuel Rivas, foi seleccionada entre os 100 mellores libros do ano para o xornal estadounidense The New York Times.

A novela foi publicada en galego en 2015 por Xerais.

Nunha reportaxe publicada polo propio New York Times, a edición en ingles do libro (The last days of Terranova) aparece xunto a outros 99 títulos que abarcan temas como a resistencia feminista ou os imperios da Idade Antiga.

Esta obra, que foi Premio da Crítica e Premio Gala do Libro Galego, foi traducida a múltiples idiomas e en 2022 chegou ás librerías estadounidenses a través da editora Archipelago Books, traducida do galego ao inglés por Jacob Rogers.

A novela

O último día de Terranova é unha novela de enxeño multiforme onde conflúen os xéneros literarios, entrelazándose a serie negra, o humor de poética surrealista mesturado coa oralidade popular.

A crítica literaria estadounidense acolleu a obra con entusiasmo e destaca "as frases que arden de filosofía e de beleza ben traballada".

Rivas foi condecorado recentemente coa Medalla ao Mérito en Belas Artes, que outorga o Consello de Ministras e Ministros.

Comentarios