Xerais volve a casa

María Solar, Rocío Leira e Anxo Iglesias recolleron no Museo do Mar de Vigo os seus galardóns nun acto que recupera a normalidade tras a pandemia

XERAIS-min
photo_camera Foto de familia de Xerais.

Após dúas edicións nas que foi necesario modificar o tradicional acto de entrega dos Premios Xerais, a festa de entrega volveu este sábado á normalidade cun acto celebrado no Museo do Mar de Vigo. María Solar, Rocío Leira e Anxo Iglesias recibiron os premios Xerais de Novela, Jules Verne de Literatura Xuvenil e Merlín de Literatura Infantil, respectivamente.

“Como non emocionarse? Hai tanto traballo detrás dunha novela, como non emocionarse cando recibes un premio que vés lendo e coleccionando desde a adolescencia?”, preguntábase María Solar ao recoller o galardón á súa novela A culpa. Con este thriller psicolóxico, a autora mergúllanos nunha historia de dominación, tolemia e morte onde a culpa é omnipresente. "Ides atopar un thriller adubado de novela negra, no envoltorio, e unha novela máis literaria e psicolóxica, no corazón".

Pola súa parte, Rocío Leira dedicou o seu libro “a aqueles que se permiten o luxo de cuestionar as cousas, a aqueles que son capaces de observalo todo baixo perspectivas diferentes”. Cicuta para dous, gañadora do Jules Verne, é unha novela de investigación chea de humor e intriga e protagonizada por un filósofo. Como a propia autora dixo, está pensada para público adolescente “A rebeldía que acompaña esas idades, as infinitas dúbidas que amosan os adolescentes, son a materia prima por excelencia de calquera filósofo que se prece”, explicou a autora.

O director de Xerais, Fran Alonso, destacou a “prodixiosa literatura dun país pequeno”

O Premio Merlín 2022 foi outorgado a Anxo Iglesias polo seu poemario Unha nova dimensión. Das 37 edicións que leva en marcha o premio, esta é a segunda vez que un libro de poesía infantil se fai co galardón outorgado por Xerais. Este é o primeiro libro de Anxo Iglesias

Os tres libros gañadores dos Premios Xerais 2022, que foron fallados no pasado mes de xullo, xa están dispoñibles nas librarías. O acto, presentado pola actriz e escritora Sabela Hermida, foi inaugurado cun discurso do director de Xerais, Fran Alonso, que felicitou os gañadores e agradeceu o traballo dos xurados.

 Ademais, tivo palabras de agradecemento para o equipo de Xerais, así como para “unha sociedade amiga e cómplice”. Neste sentido, destacou a “prodixiosa literatura dun país pequeno” que acadou 25 premios nacionais nas últimas décadas e 11 dos últimos 23 premios Lazarillo convocados.

Alonso falou tamén da preocupación de Xerais polo estado da lingua galega, que perde falantes entre as xeracións máis novas. Desa preocupación xorde o isologo "Fálame Sempre", de Pepe Barro, co que a editora quere abrir unha liña de publicacións arredor desta cuestión, como O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón, ou Lingua, poder e adolescencia, de Miguel Rodríguez Carnota.

 “O futuro da lingua galega é tamén o futuro de Xerais, o futuro da edición galega, o futuro da literatura galega e o futuro da nosa cultura”, dixo. Ismael Ramos pechou o acto cunha lectura dalgúns dos seus poemas recollidos na obra Lixeiro, editada por Xerais e pola cal acadou o Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández neste ano

Comentarios