Clara Gayo asina o Manifesto Galego do Día do Teatro

Clara Gayo únese á longa lista de redactores/as do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, na que se inclúen sinaturas tan destacadas como son as de Aldao &Lado, Evaristo Calvo, Imma António, Fernando DaCosta, María Xosé Queizán ou Méndez Ferrín.
Clara Gayo. (Foto: Redenasa)
photo_camera Clara Gayo. (Foto: Redenasa)

A actriz, dramaturga e directora Clara Gayo asina neste 2023 o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. O seu texto reivindica o teatro como arte que “inclúe a diferenza, que evidencia a inxustiza e acariña a nosa humanidade”.

Gayo sinala que a escena “debe habitar no límite do precipicio”, ao tempo que enxalza o labor dos e das profesionais do teatro para despois animar toda a profesión a continuar co seus traballo. “Sexamos a voz do inaudíbel. Sexamos o corpo do que desaparece. Sexamos o reflexo do que se transforma. Sexamos a acción do inamovíbel”, sentencia Gayo no manifesto antes de engadir unha última petición: “Continuemos inaccesíbeis ao desalento”.

Clara Gayo clarifica coa súa redacción as intención deste seu texto. “Este quere ser o Manifesto do agradecemento, da xenerosidade, da consciencia, da revisión. O Manifesto do desapercibido, do contraditorio, diso que é pequeno e anecdótico, diso que é humilde e sorprendentemente amador. O Manifesto dun teatro libre, presente, aberto”, escribe Gayo antes de rematar cunha última consigna escénica. Unha consigna coa que pide de forma colectiva por “un teatro que fai o que sempre fixo: Acompañar, cuestionar, revelar, padecer. Un teatro do ser”.    

 

Premios María Casares

Clara Gayo lerá o manifesto na gala de entrega dos Premios de Teatro María Casares, que se realizará o vindeiro 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

Súmase así á longa lista de persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos da escena, do xornalismo cultural e da literatura que cada ano, a petición da Asociación de Actores e Actrices de Galiza, asinan o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. Esta listaxe inclúe, entre outros moitos, os nomes de Evaristo Calvo, María Xosé Queizán, Xurxo Borrazás, Montse Dopico, Camilo Franco, Aldaolado, Carlos Santiago ou Imma António. 

Ademais do seu traballo como actriz e directora de escena, Gayo publicou textos como Movidas e Razóns de peso con Estaleiro Editora ou Agorafobia: parálise sobre o medo con Redenasa. En 2015 gañou o Premio do Xurado no IX Premio Teatro Radiofónico do Diario Cultural da Radio Galega con Evasión. Fai parte xunto a Carlos Santiago e Zé Paredes do colectivo G.O.D Favia Antonia (Grupo Oportunista de Drama) desde 2017. 
 

 

Comentarios