venres 07/05/21
Engaiolarte Edicións recupera a súa obra dramática despois de cincuenta anos

O teatro case inédito de Xohana Torres

Dous volumes recollen o teatro completo de Xohana Torres, inédito desde hai máis de cincuenta anos mais aínda por descubrir para unha gran parte do público e das persoas afeccionadas ao teatro. Engaiolarte Edicións publica A outra banda do Iberr e Un hotel de primeira sobre o río dentro da súa Biblioteca Xohana Torres.
O estoxo que inclúe a obra dramática completa de Xohana Torres. (Foto: Nós Diario)
O estoxo que inclúe a obra dramática completa de Xohana Torres. (Foto: Nós Diario)

“A túa intelixente discípula Xoana [sic] Torres está agora entusiasmada e moi preocupada co teatro”. Ramón Piñeiro escribía isto a Carvalho Calero en 1962, deixando constancia dunha preocupación que, non obstante, xa viña de vello. O propio Carvalho xa lembraba –no prólogo ao primeiro poemario publicado da autora, O sulco (1957)– a participación de Torres nunha representación de teatro afeccionado no Teatro Jofre de Ferrol.

Sen dúbida, Xohana Torres está entre os nomes máis relevantes da literatura galega contemporánea, mais o recoñecemento que obtivo como poeta –e tamén como narradora, grazas sobre todo á súa novela, Adiós María– non deixou espazo para dar a coñecer unha obra dramática reivindicada por figuras como Manuel Lourenzo ou Xose Luís Méndez Ferrín. Agora, Engaiolarte recupera as dúas pezas de teatro que escribiu –A outra banda do Iberr (1965) e Un hotel de primeira sobre o río (1968)–, nunha edición que, pola elegancia da súa forma e a precisión do seu contido, devolve toda a dignidade e consideración a unha obra que merece máis atención do público e dos estudosos da literatura dramática do noso país.

O compromiso de Torres desde  'A outra banda' 

Torres, que desde moi nova estivo vinculada aos círculos teatrais de Ferrol, colaborou moi estreitamente co Teatro Estudio que dirixía Alfredo Osset e que levou á cidade obras de algúns dos autores máis interesantes da época: Graham Greene, John Osborne, Tennesee Williams, Eugene O'Neill,… presentou a súa primeira obra, A outra banda do Iberr, ao Premio Castelao de Teatro, un certame que xurdiu da necesidade de impulsar un teatro galego de calidade ante o rexeitamento e que contribuíu a promover a obra de autores como Jenaro Marinhas del Valle ou a propia Torres. Marinhas del Valle foi precisamente o gañador daquela edición coa súa obra A revolta, mais o xurado, impresionado pola calidade da peza finalista, recomendou a publicación do texto de Torres, que posteriormente, en 1965, foi editada por Galaxia.

A outra banda do Iberr trata do desarraigamento do exilio e desenvolve as dúbidas da súa protagonista, Malen de Escó, sobre se volver á patria de orixe, Galandia. A obra estaba escrita nun estilo novidosamente rechamante naquela altura, alegórico e indirecto, ateigado de nomes e topónimos de resonancias nórdicas. O tratamento do tema do exilio enlazaba coa ironía con que o abordaran autores como Joyce (en Exiliados) ou Mrozek (en Os emigrados), nunha sintonía coas principais correntes dramáticas europeas que non era común no teatro da época.

Xohana Torres volvería presentar a súa segunda obra Un hotel de primeira sobre o río ao Premio Castelao en 1966, obtendo desta vez o primeiro premio. A peza –editada cunhas ilustracións de Isaac Díaz Pardo tamén recuperadas nesta edición de Engaiolarte–, trataba temas como a especulación urbanística, o caciquismo, a colonización turística e, de novo, a emigración e o desarraigo. O simbolismo presente na peza anterior substituíase por unha denuncia social directa: a expropiación de terras con fins especulativos, un tema que, lamentabelmente, non deixou de estar de actualidade.

Unha obra esquecida durante cincuenta anos

Como poden esperar as lectoras da obra poética de Torres, en ambas as dúas pezas asistimos a unha reivindicación das figuras femininas que protagonizan e aceptan o compromiso de defensa da terra, e que encarnan a aflición que implica o seu abandono e destrución.

A partir de aquí, Xohana Torres deixou de escribir teatro: por unha banda, a falta de recoñecemento aos dramaturgos, a súa ausencia da escena galega, debeu influír na decisión de non volver escribir para as táboas; por outra, como sinala o estudoso Manuel Vieites, foi xusto nesta época cando comezaron a abrollar as primeiras compañías do movemento do teatro independente, que primaban os valores da creación colectiva sobre a posta en escena de autores máis “literarios”.

Sexa como for, a obra teatral de Xohana Torres quedou adurmiñada nos manuais de literatura sen que nin os editores se preocupasen de reeditala nin as compañías de teatro de levala ás táboas. Esta edición de Engaiolarte vén compensar a primeira das ausencias e permite recuperar dúas obras esenciais da dramaturxia contemporánea. E abre o camiño para que tamén a escena da Galiza salde a débeda que ten coa autora.

comentarios