Tanxugueiras fan historia na praia de Riazor

Varios milleiros de persoas, até 80.000, segundo a organización, presenciaron na noite da sexta feira a actuación de Tanxugueiras na praia de Riazor, na que foi “unha terceira xornada de impacto” no marco do Festival Noroeste da Coruña.

Tanxugueiras, durante a actuación na praia de Riazor (Imaxe: Festival Noroeste Estrella Galicia)
photo_camera Tanxugueiras, durante a actuación na praia de Riazor (Imaxe: Festival Noroeste Estrella Galicia)

A xira “Midas” de Tanxugueiras fixo parada na sexta feira na praia de Riazor, dentro da programación do Festival Noroeste da Coruña. “Arica” e “Desidia” comezaban a animar o ambiente entre as perto de 80.000 persoas que acudiran a escoitar o recital de Olaia e Sabela Maneiro e Aída Tarrío.

As pandereteiras conquistaron o público cos seus últimos éxitos, “Pano corado”, “Segadoras”, “Mida” e “Figa”. E non faltou “Terra”, o tema co que participaron no polémico Benidorm Fest. Foi esta canción a elixida para fechar un concerto que se converteu no máis multitudinario dun grupo galego na praia de Riazor.

A actuación no areal coruñés chegou tras o baño de masas de Tanxugueiras no auditorio do parque de Castrelos, en Vigo e no Son Rías Baixas de Bueu, onde recolleron o sinxelo de ouro polo tema "Terra". As pandereteiras visitaran a cidade da Coruña apenas cinco meses antes, para ofrecer un concerto na sala Pelícano.

Esta mesma semana, coñecíase que Tanxugueiras conseguiron o número un de vendas en tendas físicas do seu terceiro álbum Diluvio. O disco, publicado o 29 de xullo, situouse como “o máis vendido en tendas físicas na semana do seu lanzamento, quedando por riba de nomes como Beyoncé ou Harry Styles”, informaba os produtores GFK e Promusicae.

A boa acollida do último traballo de Aída Tarrío e das irmás Olaia e Sabela Maneiro evidénciase coas cifras globais de fendas físicas e dixitais, pois Diluvio ocupa a cuarta posición.

Este sábado será a quenda doutros dos pratos fortes do festival: os ingleses UB40 e o galego Baiuca, entre outros.

Comentarios