Tanxugueiras recibe no SonRías Baixas o Sinxelo de Ouro por 'Terra'

Tanxugueiras recibe o sinxelo de ouro
photo_camera Tanxugueiras durante a súa actuación SonRías Baixas. (Foto: Nós Diario)

Tanxugueiras presentou o 6 de agosto 'Diluvio', o seu novo disco, na 19ª edición do festival SonRías Baixas.

No marco da súa actuación, logo de interpretar temas como 'Arica', Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro recibiron por sorpresa, ante o público do Morrazo, o recoñecemento do Sinxelo de Ouro polo seu tema 'Terra', outorgado por GFK e Promusicae ao superar, xa a finais do pasado mes de febreiro, máis de 30.000 copias vendidas, o que se traduce, aproximadamente, en máis de 12 millóns e medio de reproducións en plataformas dixitais.   

 'Terra', publicado o 21 de decembro de 2021, é o sinxelo co que Tanxugueiras participou no certame Benidorm Fest, resultando a proposta máis votada polo público. O sinxelo, un canto á diversidade e ao recoñecemento da música de raíz galega, supuxo un auténtico fito para a música tradicional do país no momento do seu lanzamento, acadando máis de 500.000 escoitas tan só nas primeiras 24 horas desde a súa publicación.

Delas 350.00 foron en Youtube, plataforma na que se posicionou, co seu lyric vídeo, como número 1 en tendencias xerais e número 3 nas de vídeos musicais. 

Dous meses despois do seu lanzamento, a finais do mes de febreiro e após o seu paso polo Benidorm Fest, certame no que resultou a proposta máis votada polo público, 'Terra' superou os 12 millóns de reproducións nas plataformas.

A día de hoxe, o sinxelo suma máis de 30 millóns. Co gallo da recente publicación de 'Diluvio' e a súa primeira presentación oficial nun festival desde que saíu á venda o pasado 29 de xullo, a discográfica Calaverita Records e a súa axencia de management, PlayPlan Cultural, quixeron sorprender esta noite as cantareiras "na súa casa", como sinalou Jordi Lauren, codirector do festiva.

O grupo galego ven desenvolvendo ao longo dos últimos meses unha xira de grande éxito por Galiza e diferentes localidades do Estado español. Un exemplo diso, foi o concerto realizado no parque vigués de Castrelos, onde xuntaron máis de 30.000 persoas.

Comentarios