Gañaron o televoto e o demoscópico

Festival de Benidorm: o xurado profesional deixa fóra de Eurovisión ás Tanxugueiras

O xurado deixounas na quinta posición malia gañaren o televoto e o voto demoscópico.
As Tanxugueiras brillaron no escenario do Festival de Benidorm na final do certame (@PlanetESC).
photo_camera As Tanxugueiras brillaron no escenario do Festival de Benidorm na final do certame (@PlanetESC).

A final do Festival de Benidorm principiou coas Tanxugueiras liderando as enquisas, tanto a nivel estatal como europeo, cunha ampla marxe sobre a seguinte artista mellor valorada, Rigoberta Bandini, con 'Ay, mama'.

Pastora Soler, representante do Estado español na gala de Eurovisión de 2012, interpretou o tema co que participara daquela, 'Quédate conmigo', antes de principiaren as actuacións das e dos aspirantes do certame clasificatorio.

O rapeiro Rayden que vén de publicar 'Averno' coas Tanxugueiras— foi o primeiro artista en actuar coa canción 'Calle de la llorería', unha radiografía dunha sociedade que ve a vulnerabilidade como algo a ocultar.

A segunda foi a quenda das Tanxugueiras, ás que introduciu a veterana artista Alaska lembrando que Andalucía e Catalunya son os territorios que máis artistas enviaron a Eurovisión até o momento; os que menos, a Galiza e Aragón.

A posta en escena das Tanxugueiras, unha das chaves de 'Terra'

As potentes voces de Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío elevaron ao máis alto a tradición galega, cunha detallada escenografía que, a desta volta, a realización de RTVE si ofreceu ao completo. De fondo, unha sucesión de imaxes das bravas mulleres que precederon a estas tres que, como di o seu tema, "veñen para quedar".

Tras delas viron os Varry Brava con 'Raffaella', unha divertida homenaxe en versión pop á artista italiana Raffaella Carrà, finada o pasado verán. Chanel, unha das favoritas na final, actuou co reguetón de 'SloMo', que destaca pola elaborada coreografía.

A quinta foi a quenda de Rigoberta Bandini, quen segundo as últimas enquisas disputa a primeira praza ás Tanxugueiras. A súa recoñecida canción, 'Ay, mama', é unha oda á súa nai.

Xeinn, un artista novo que vén de irromper na escena estatal, interpretou 'Eco', e posteriormente Gonzalo Hermida concorreu coa balada 'Quién lo diría', mais non puido actuar en directo por estar confinado pola Covid-19. RTVE reproduciu o seu videoclip.

Finalmente, Blanca Paloma puxo o ramo con 'Secreto de agua', unha mestura de estilos partindo do flamenco cunha escenografía pouco vistosa.

Votacións

O xurado profesional, composto por tres xuízas españolas e dous internacionais, outorgou unha puntuación baixa ás Tanxugueiras (30 puntos, a quinta menor), como xa acontecera na semifinal. A máxima puntuación foi para Chanel (51 puntos), seguida de Rigoberta Bandini (46), Blanca Paloma (39), Rayden (37), Xeinn (30), Varry Brava (25) e Gonzalo Hermida (12). O seu voto vale 50% do total.

O voto demoscópico, que representa outro 25%, deixou os seguintes resultados, coas galegas como gañadoras: Tanxugueiras (30), Chanel (25), Rigoberta Bandini (20), Gonzalo Hermida (18), Rayden (15), Varry Brava (12), Blanca Paloma (10) e Xeinn (5).

Finalmente, estes foron os resultados do televoto: Tanxugueiras (30), Rigoberta Bandini (25), Chanel (20), Varry Brava (18), Rayden (15), Blanca Paloma (12), Xeinn (10) e Gonzalo Hermida (5).

Resultado definitivo

Debido á baixa puntuación que obtiveron do xurado, as Tanxugueiras quedaron relegadas á terceira posición con 90 puntos, a apenas seis da gañadora, Chanel (96), e un de Rigoberta Bandini (91). Seguíronas Rayden (67), Blanca Paloma (61), Varry Brava (55), Xeinn (45) e Gonzalo Hermida (35).

Comentarios