O novo disco das Tanxugueiras sairá á venda o 29 de xullo

Doce temas conformarán o terceiro traballo musical das pandeireteiras, entre eles os xa coñecidos 'Terra', 'Averno' ou 'Pano Corado'.
Detalle do novo disco das Tanxugueiras, 'Diluvio'. (Foto: Neelam Khan Vela)
photo_camera Detalle do novo disco das Tanxugueiras. (Foto: Neelam Khan Vela)

Logo de varias semanas de espera —e intriga— o trío que conforman as irmás Sabela e Olaia Maneiro e mais a tamén pandeireteira Aida Tarrío vén de desvelar o que será o nome do terceiro disco das Tanxugueiras, 'Diluvio', un traballo composto por dez cancións que verá a luz o vindeiro 29 de xullo.

O disco, editado por Calaverita Records, "referenda a liña musical" que caracteriza as tres artistas galegas, "na que apostan na reinterpretación da tradición galega a través da súa fusión con ritmos urbanos, próximos ao trap ou a electrónica", precisan as Tanxugueiras.

'Diluvio', cuxa portada protagoniza unha fotografía de Neelam Khan Vela, nace como "unha viaxe de revisión e cuestionamento de crenzas ou presuntas culpas instaladas na sociedade".

Así, se no seu anterior traballo, 'Contrapunto', as cantareiras propuñan un xogo de espello particular entre o lado bo e o malo da vida, agora procuran ocasionar "un auténtico Diluvio" sobre a orde estabelecida.

"É un camiño que as pandeireteiras percorren a través de verbos como ver, escoitar, equivocar, lembrar ou apoderar", sinalan. E, con base nestes conceptos, os seus temas procuran "reformular esas crenzas ou máximas e convertelas nunha serie de aprendizaxes transformadoras para a vida".

Os temas de 'Diluvio'

Boa mostra disto é un dos sinxelos feitos públicos recentemente, Pano Corado, un canto á liberdade sexual e o amor libre, ou Desidia, que defende o dereito ao autocoidado. Outra das cancións deste disco que o público xa coñece, Seghadoras, tenta reverter os discursos de odio e a opresión. Tamén farán parte deste disco Midas, Figa, Averno —con Rayden— e o xa mítico Terra.

Completan este novo traballo musical as cancións Treboada, Arica, Sorora, Fame de odio e Acougo, por cuxas músicas e letras haberá que agardar até o 29 de xullo. Dous temas instrumentais de apertura e fechamento do disco elevarán á ducia os temas do 'Diluvio' co que as Tanxugueiras queren cuestionar o estabelecido.

Comentarios