As Tanxugueiras e un espectáculo en 5D, as novidades deste Arde Lucus

A festa do Arde Lucus chega esta semana, do 9 ao 11 de xuño, con máis de 400 actividades e 16 ubicacións diferentes na cidade. 
A participación da "Lexión romana" é un dos atractivos do no Arde Lucus (Foto: Nós Diario).
photo_camera A participación da "Lexión romana" é un dos atractivos do no Arde Lucus (Foto: Nós Diario).

A cidade de Lugo recupera este ano a festa do Arde Lucus que nesta ocasión terá lugar entre o 9 e o 11 de xuño.

Unha extensa programación con máis de 400 actividades e 16 ubicacións diferentes xunto ao feche coa actuación das Tanxugueiras, marcan un evento que ten como previsión superar o índice de asistencia doutras edicións.

O inicio da festa será esta quinta feira coa tradicional entrada das lexións romanas (Ponte Romana, 20.30 horas), visita ás termas e prendido do lume sacro de Vesta que iniciará a “bacanal romana” na Calella do Hospita. 

A sexta feira 10 de xuño será o momento dos campamentos e as asociacións volverán a instalalos desde ás 17 horas na Praza Maior e desde as 17.30 horas no parque de Rosalía de Castro, ademais doutras localizacións. Ese día tamén comezarán os bautizos celtas, as vodas celtas e romanas que continuarán até o domingo.

Tamén comezarán as representacións teatrais para todos os públicos que estarán na programación os vindeiros tres días. A xornada rematará coa IV Carreira Nocturna Murus Lucis (Praza Pío XII, 00.00 horas). 

O sábado será o momento do desfile do XXI Aniversario, desde a Porta de Santiago até Bispo Odoario (20.30 horas) ademais doutras recreacións históricas como o Asalto ao Monte Medulio das Trebas Galaicas, ás 18.30 horas en Cantiño Nemesio  Cobreros.

Pola noite será o momento da experiencia en realidade aumentada en 5D Tempus de Lucus Augusti (22 horas) e do concerto de Saor Patrol (00.30 horas).

O 12 de xuño terá lugar, entre outras actividades, a Cerimonia Unión polo rito celta, dos Mercenarios Galaicos (Horta do Seminario, 16.50 horas) e a fin de festa co concerto das Tanxugueiras ás 21.30 horas na Praza de Santa María.

Comentarios