Tanxugueiras, Antía Ameixeiras e Su Garrido entre as artistas dos concertos a bordo do Revenidas

Xurxo Souto guiará un roteiro polos principais lugares de interese histórico, artístico e etnográfico de Vilaxoán

Tanxugueiras estarán presentes en Riazor.
photo_camera Tanxugueiras tocarán a bordo do Revenidas.

O festival Revenidas fechou a programación dos concertos a bordo coas actuacións de Tanxugueiras, Antía Ameixeiras, Su Garrido Pombo, Zeltia Irevire, Sheila Patricia e MJ Pérez.

Así, o festival completou definitivamente a súa programación e deu a coñecer as actividades de promoción de destino turístico que acolle en colaboración con Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra.

A organización explicou, nun comunicado, que a quinta feira 7 de setembro a partir das 17 horas realizarase o roteiro 'Redescubre Vilaxoán' e será o músico, escritor e divulgador Xurxo Souto o encargado de guiar e pór banda sonora.

O itinerario sairá do centro sociocultural de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa, O Salnés) e percorrerá os principais lugares de interese histórico, artístico e etnográfico da parroquia. A participación é gratuíta pero os interesados deberán inscribirse previamente na páxina web do festival.

En referencia aos concertos a bordo, que se realizan navegando pola ría de Arousa, a programación nesta edición é 100% feminina e o prezo das entradas é de 30 euros, máis gastos de xestión, e inclúe unha degustación de produtos galegos durante a travesía.

O sábado 9 serán os concertos de Zeltia, Sheila Patricia e Antía Ameixeiras e o domingo será a quenda de MJ Pérez, Su Garrido e Tanxugueiras.

Desta forma, a venda de entradas para os concertos a bordo e a inscrición do roteiro con Xurxo Souto estarán activas desde as 12 desta sexta feira.

Con todo, a tradicional 'sardiñada' será o domingo 10, a partir das 13.30 horas no parque de dona Concha, e a entrada será gratis.

Comentarios