O Revenidas presenta o cartel por días: o sábado, prato forte do festival

Ska-P, Dakidarría —cun concerto especial polo XX aniversario con artistas convidados e gravación incluída—, Lamatumbá, Heredeiros da Crus e Rodrigo Cuevas protagonizan o programa do sábado. As entradas diarias están xa á venda.
Un concerto da edición de 2022 do popular festival de Vilaxoán. (Foto: Revenidas)
photo_camera Un concerto da edición de 2022 do popular festival de Vilaxoán. (Foto: Revenidas)

O festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán de Arousa da quinta feira 7 de setembro ao domingo día 10, vén de desvelar o cartel dos catro días ao tempo que pon á venda as entradas soltas para cada unha das xornadas do festival. O "elevado ritmo de venda de abonos", sinalan, levou os organizadores a habilitar unha segunda zona de acampada no recinto do festival.

Dará o disparo de saída o día 7 unha das principais referencias da nova escena latinoamericana, Ana Tijoux; acompañada de Desakato, que ofrecerá o seu derradeiro concerto na Galiza antes de despedirse como banda o 11 de novembro; a combativa activista feminista arxentina Sara Hebe; a gañadora do concurso 'Sonidos Mans', HYDN; o colectivo madrileño de cumbia-punk, rap e electrónica Tremenda Jauría, e os galegos The Skarnivals, Arrythmia e A Duendeneta, aos que se sumará un nome que a organización desvelará nas vindeiras semanas.

A segunda xornada do festival, a da sexta feira 8, reunirá os valencianos Zoo coa gran revelación da música galega deste 2023, Fillas de Cassandra; os tamén valencianos e referentes do rap estatal Los Chikos del Maíz; o principal expoñente da música electrónica en euskera, Zetak; o novo proxecto de Evaristo Páramos —fundador de La Polla Records e Gatillazo—, Tropa do Carallo; Sheila Patricia, La Regadera, Rebeliom do Inframundo e A Duendeneta.

O sábado será o día forte do Revenidas, que recibe a banda por excelencia do ska no Estado español e América Latina, Ska-P —único concerto na Galiza este ano—. Tamén será a quenda para Dakidarría, que ofrecerá un concerto especial polo seu XX aniversario, "cun feixe de artistas convidados e que será gravado para se converter no primeiro disco en directo da banda do Val Miñor". Completan o cartel do sábado o músico asturiano Rodrigo Cuevas, Heredeiros da Crus, Lamatumbá, Nativa, Kiza, O Rabelo, Familia Caamagno, Mondra, The Rapants, Kris K Dj, Me Fritos and the Gimme Cheetos, A Duendeneta e outra banda que se anunciará "en breve".

A xornada do domingo 10, na que se celebrará a tradicional sardiñada popular e a Gala de Circo Solidaria contará no plano musical coas actuacións de Uxía Lambona e a Banda Molona, La Yaya Dj e Xosé Lois Romero e Aliboria, que serán os encargados de pór o ramo ao Revenidas 2023.

En datas próximas daranse a coñecer as dúas bandas que faltan por anunciar do cartel, así como os grupos e artistas que participarán nas actividades paralelas como a Gala de Circo ou os concertos a bordo. Tamén se anunciarán en breve as datas, horarios e contidos doutras 'experiencias Revenidas' como os roteiros guiados, showcookings e catas.

As entradas diarias, xa á venda

A partir desta quinta feira xa están a venda, a través da páxina web do festival, as entradas separadas para cada xornada. O prezo da entrada da quinta, día 7, é de 30 euros —máis gastos de xestión—, e para a sexta e o sábado, de 35 euros —máis gastos—.

As entradas por días teñen un cupo limitado, advirte a organización, "polo que é aconsellábel mercalas coa maior anterioridade posíbel". Todas as actuacións da xornada do domingo son de balde e con entrada libre. O prezo do abono completo, pola súa parte, actualizarase a partir desta sexta feira e pasará dos 57 euros actuáis a 62 euros máis gastos de xestión.

Comentarios