A Gala Solidaria do Revenidas acolle circo, maxia, música e clown

Peter Punk e Uxía Molona, entre as participantes.
Peter Punk, un clásico do festival Revenidas
photo_camera Peter Punk, un clásico do festival Revenidas

Non se entende o festival Revenidas de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) sen a celebración da Gala Solidaria de Circo. Este ano terá lugar o día 10 de setembro a partir das 17.30 horas, xusto despois da tradicional sardiñada popular, con entrada de balde. 

A gala acollerá unha sucesión de espectáculos de maxia, clown, música e circo protagonizados por varios dos nomes máis destacados da escena galega e catalá dos espectáculos de rúa. É o caso, por exemplo, de Peter Punk, todo un clásico desta gala -en 2022 celebrou nela os seus 20 anos en escena-. Este ano retornará a Vilaxoán para presentar un novo espectáculo para todos os públicos cun humor traste, fresco e irreverente. 

Tamén estará na gala o Mago Paco, un dos especializados na categoría de maxia infantil. Os seus espectáculos caracterízanse por unha mestura de varias artes escénicas coa maxia, suma que lle achega dinamismo e fantasía encima do escenario. 

 

Desde Catalunya chega Nono, un clown con máis de quince anos de traxectoria que presentará un espectáculo de malabares e manipulación que fará viaxar o público polo seu mundo de fantasía. 

Outra presenza destacada é a de Asacocirco. A compañía que fundaron e dirixen Miriam Crespo e João Alvim transformará o recinto do Revenidas nunha pista de circo, onde a risa, o risco, a diversión e a espectacularidade están garantidas. 

O circo, o humor e a maxia mestúranse tamén na proposta de Simplemente Enrico, co seu espectáculo Heinrich, aprendiz de mago, no que relata as aventuras e desventuras deste ilusionista ao que case nunca lle saen os trucos pero que, ao tempo, é capaz de facer sorprendentes números de malabares, equilibrios e funambulismo. 

Da parte musical da Gala farase cargo Uxía Lambona, especialista en recoller os clásicos da música popular galegas e darlles o seu toque particular, tinguíndoos de ska, reggae, klezmer ou rock. Desde A Carolina rapeada até O Jato rockeiro, pasando por outros temas tradicionais e algún que outro propio.  

Comentarios