CONTRACULTURA

Sara Giunta: "O Street View era terapéutico e permitíame viaxar e ver cousas sen ter que saír a rúa"

Sara Giunta, creadora de Street View Compostela, expón na galería Solaina.
Sara Giunta está rematando a carreira de Historia da Arte. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sara Giunta está rematando a carreira de Historia da Arte. (Foto: Nós Diario)

Sara Giunta, estudante de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela, é a persoa detrás da conta de Instagram @streetviewcompostela, na que ofrece imaxes da cidade capturadas pola empresa Google. Giunta tamén estará expoñendo estas imaxes na galería Solaina (Lugo) até comezos de xullo. 

Como xurdiu esta exposición?

Nunha clase que tiven durante a carreira mencionaron dous artistas que capturaban imaxes dos Estados Unidos a través do Street View de Google. Eran Jon Rafman e Michael Wolf. Neses momentos eu estaba pasando por unha época bastante complicada, tiña ansiedade social e custábame moito saír á rúa, mesmo había días que non era quen de facelo. Desta forma, o Street View converteuse nunha ferramenta ou un medio terapéutico que me permitía viaxar e ver cousas sen realmente ter que saír a rúa. Por iso o atopei atractivo deseguida. Este ano decidín contactar coa galería Solaina, que xa coñecía, porque tiña ganas de facer a miña primeira exposición individual. Unha das dificultades que tiven á hora de facer a selección das fotografías e que tamén motivou un pouco a escolla das vinte imaxes que compoñen esta exposición foi a resolución e a calidade. Ao estar impresas nun tamaño A-4 hai moitas imaxes que funcionaban en formato dixital porque as estás vendo a través dun móbil e á hora de velas fisicamente xa non funcionan. Claro, hai imaxes que ao mellor están sacadas en 2011, cando as cámaras non eran tan boas, polo que tiven que facer un repaso de cales eran as que mellor se vían e cales tiñan peor resolución para poder montar a exposición. 

Cambiou a súa forma de ver a cidade tras desenvolver este proxecto?

En certa maneira si que cambiou. Fixo que me dera de conta de que as zonas limítrofes do concello de Santiago eran moito máis amplas do que eu pensaba, por exemplo a zona do río Sar ou a que arrodea o Sarela. Tamén me ten pasado de ir camiñando por algunha rúa e lembrar imaxes que eu fora atopando ou sacando do Street View. 

En certa maneira, o seu proxecto tamén dilúe un pouco as fronteiras da concepción tradicional que temos da arte. Como o ve vostede?

Eu persoalmente creo que si. Por unha parte, é certo que me estou apropiando de algo que xa está feito, posto que non traballo con medios tradicionais de fotografía nin outros similares. Ao final o que fago son capturas de pantalla de imaxes realizadas por outra empresa coa que non teño nada que ver. Non obstante, eu sigo tomando decisións estéticas, por exemplo en canto ao encadre ou á cor das imaxes, que ás veces edito. Cando me poño a buscar imaxes, intento non ir por sitios aos que xa fun camiñando, senón que simplemente solto o boneco do Street View nun sitio aleatorio e bótome a andar até que atopo algo que me chama a atención, que ao final é un pouco o mesmo proceso que seguen certas disciplinas da fotografía, máis centradas no urbano ou na rúa. Hai unha certa apropiación, mais tamén hai un proceso artístico detrás que hai que ter en conta. 

Que é o que máis pregunta a xente ao ver estas imaxes?

A verdade que a exposición tivo moi boa acollida e desde a inauguración estiven falando con diferentes persoas que saíron dela só con palabras bonitas. Estou bastante contenta co resultado. Unha das cousas que máis preguntan é canto tempo tardo en atopar as imaxes ou canto tempo tardei en facer o proxecto. É algo que non podo responder, principalmente porque non conto as horas, mais como é un proxecto ao que me levo dedicando durante tres anos é máis ou menos o tempo que adoito dicir. 

Ten pensado continuar con este proxecto?

Co proxecto Street View Compostela como tal penso que non. É algo que aínda teño que meditar e decidir porque non o teño claro, mais en certa maneira penso que é un proxecto que está bastante fechado e que podería acabarse aquí. Con todo, si que penso en desenvolver outros proxectos relacionados coa ferramenta de Street View, quizais ampliándoo a nivel Galiza. Ao final Santiago non é unha cidade grande. 

Comentarios